Entrega dos Premios María Luz Morales. Foto: Academia Galega do Audiovisual. Fran Martínez
A primeira edición do certame de Premios María Luz Morales de Ensaio sobre o Audiovisual convocados pola Academia galega do Audiovisual en colaboración coas catro deputacións provinciais chegou onte ao seu fin coa comunicación dos traballos gañadores e a entrega dos premios. Dous videoensaios e dous ensaios escritos para as diferentes categorías e máis un accésit a outro ensaio escrito recibiron onte na Deputación da Coruña os galardóns e os premios monetarios que os acompañan. O ferrolán Brais Romero resultou premiado por dupla partida xa que o seu videoensaio Films From Galicia (?) gañou na categoría dedicada ao audiovisual galego e o seu ensaio escrito O galego no cinema galego foi o merecedor dun accésit por parte do xurado. Nos dous traballos Romero indaga na presenza do idioma galego nas producións cinematográficas desde unha visión crítica coas institucións. Cunha perspectiva de reflexión sobre os elementos de estilo do discurso audiovisual a vilalbesa Denisse Lozano gañou o Premio ao mellor Vídeo Ensaio Internacional con A cámara perseguidora. Orixe e intención dos planos de seguimento, que analiza un elemento estilístico e a súa relación co cine de intención social. A perspectiva de xénero, tan reclamada nos últimos premios Mestre Mateo, está presente grazas ao traballo de Noelia Álvarez (Lugo) e Nazaré Estévez (Cortegada) que recolleron o Premio ao mellor Ensaio Escrito Internacional con Análise da representación da muller no cinema español da última década, que ven cubrir a necesidade dun discurso de xénero na análise do tratamento da muller no cinema español. Cibrán Tenreiro (Oleiros) gañou o Premio ao mellor Ensaio Escrito Galego con Equilibrios precarios. Unha aproximación aos vídeos dunha escena underground galega ,polo enfoque novidoso dun tema pouco coñecido e polo rigor no tratamento.
A cámara perseguidora from cleventy on Vimeo.




