A Mostra Internacional de Teatro de Cangas premiará este ano a Cándido Pazó e Antía Cal

A actriz María Salgueiro será a pregoeira desta 34 edición da MITCFC

A actriz Maria Salgueiro, pregoeira este ano da MITCFC
A actriz Maria Salgueiro, pregoeira este ano da MITCFC
A Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC) ven desvelar as persoas nas que recaerán os seus premios honoríficos este ano e tamén aquela figura elixida para dar o pregón de comezo da 34 edición do festival. A Mostra arrancará o vindeiro 30 de xuño co pregón da actriz María Salgueiro. Natural de Moaña, Salgueiro é especialmente coñecida polos seus traballos na Televisión de Galicia: A vida por diante (papel polo que foi finalista aos Premios Mestre Mateo ); Os Atlánticos; Escoba ou Serramoura. Ademais, participou nas series El comisario e Vis a vis. Outras das personalidades do mundo da cultura que terán un protagonismo especial nesta edición da Mostra canguesa recibindo senllos premios serán Cándido Pazó e Antía Cal. Pazó, director, autor teatral, actor e narrador oral recibirá o premio Xiria ao Labor Teatral dentro da 34 edición da MITCFC. A mestra Antía Cal recibirá o Premio Mulleres en Acción en recoñecemento ao seu labor pedagóxico, cultural e vital a favor dunha sociedade máis libre, culta e igualitaria e pola súa determinación e valentía para fundar a Escola Rosalía de Castro, un centro de referencia pedagóxica e de igualdade en Galicia. Antía Cal recollerá o premio o día de peche das xornadas, onde tamén se proxectará o documental de Miguel Piñeiro A palabra xusta no que se conta a súa experiencia vital e profesional.