A Fundación Lois Peña Novo entrega os seus premios pola normalización

Ponte... nas ondas!, Xurxo Mariño e Sandra Piñeiro foron os galardoados nesta XXIII edición

O neurofisiólogo Xurxo Mariño, a avogada Sandra Piñeiro e a iniciativa de comunicación escolar Ponte... nas ondas! foron os galardoados na XXIII edición dos Premios Lois Peña Novo. A Fundación Peña Novo daba a coñecer onte o fallo destes galardóns, que recoñecen o traballo a prol da normalización da nosa lingua. Segundo apunta a páxina desta entidade, entre os méritos que se lle recoñecen a Sandra Piñeiro está "a súa traxectoria impecable na defensa do uso da lingua galega no seu ámbito profesional no que leva ditado máis de catro mil sentenzas e de dez mil autos e resolucións xudiciais en galego, creando dese xeito un corpus documental de gran riqueza para o noso idioma supoñendo ese esforzo persoal un enorme paso para a divulgación do galeguismo xurídico". Xurxo Mariño, pola súa banda, é recoñecido polo "compromiso que vén mantendo desde hai anos exercendo a docencia universitaria en galego, servindo de exemplo para as súas alumnas e alumnos, e convertíndose nun exemplo a seguir dentro da comunidade universitaria". Finalmente, de Ponte... nas ondas! destácase "o traballo de implicación de diversos sectores pero sobre todo da mocidade utilizando a lingua e defendendo un xeito de ser e unha cultura propia".




Os responsables da selección foron Xosé Manuel Cid, profesor da Universidade de Vigo, Consuelo Castro Rey, avogada do Estado, Xurxo Martínez González, investigador e técnico de Normalización do Concello de Redondela, Flora Miranda Pena, médica e política, Xosé M. García Crego, xubilado da industria editorial e Carme Pérez Vaquero, secretaria da fundación.