Xavier Castro doa o seu fondo documental á Fundación Penzol

Inclúen cartas, xornais, documentación e actas do exilio e a emigración

O historiador Xavier Castro fixo entrega á Fundación Penzol dunha doazón de relevante documentación vinculada ao exilio galego en Arxentina e Uruguai, así como da emigración. Foi un fondo que o historiador recolleu entre os anos 1982 e 1983 durante a súa estadía en Bos Aires para facer estudos sobre a emigración galega. Segundo a Fundación Penzol, "Descatan unhas 85 cartas na súa maioría dirixidas a Rodolfo Prada, unha das grandes figuras da emigración galega en Buenos Aires, por Antón Alonso Ríos, Xerardo Álvarez Gallega, Eduardo Blanco Amor, Ramiro Isla Couto, Ramón Martínez López, Manuel Meilán, Xosé Núñez Búa, Ramón Obella, Ramón Suárez Picallo e outros remitentes destacados persoeiros do galeguismo". A Penzol tamén sinala a entrega doutros documentos das organizacións galegas, políticas, sindicais ou asociativas que chegan ata os anos 60.