A Xunta recoñece o Museo Mares de Cedeira como colección visitable

O museo parte dunha iniciativa privada e ten o apoio do Concello e a Confraría de Pescadores

O museo parte dunha iniciativa privada e ten o apoio do Concello e a Confraría de Pescadores
Museo Mares de Cedeira. Foto: R. Rey
A colección do Museo Mares de Cedeira ven de escalar un chanzo importante no seu recente percorrido desde a súa inauguración en xullo do pasado ano ao ser recoñecido hoxe polo Consello da Xunta como "colección visitable" co cal o centro fará parte da Rede de Museos e Coleccións Visitables da Xunta. Esta denominación, que chega en resposta á solicitude presentada pola Asociación Mares de Cedeira, acredita que os titulares facilitan, mediante un horario accesible e regular, a visita pública e o acceso do persoal investigador. Así mesmo, os seus fondos gozarán das atencións básicas que garantan a súa custodia e conservación.

O Museo Mares de Cedeira é unha iniciativa museística local que parte do compromiso coa memoria por parte de tres cedeirenses vencellados á profesión mariña: José Rodríguez Arribe, funcionario especializado en prevención de riscos laborais na pesca; Vicente Rey Vilarelle, ferreiro de ribeira e Eduardo González Villarnovo, armador. A súa asociación contou coa colaboración do Concello de Cedeira e da Confraría de Pescadores de Cedeira para sacar adiante este proxecto que pretende preservar e transmitir ás xeracións futuras a memoria colectiva do traballo desta vila no mar a través de coleccións de documentos gráficos, instrumentos náuticos, aparellos de pesca e diversos obxectos vinculados coa actividade mariñeira e pesqueira. A consecución da acreditación como "colección visitable" é un chanzo previo a unha futura consideración como museo que implica máis obrigas e servizos. A partir da entrada en vigor da Lei 8/1995, do patrimonio cultural de Galicia, con este son 22 os museos, coleccións ou centros catalogados como "colección visitable" en Galicia (2 museos e 19 coleccións visitables).