As Redes Escarlata móvense pola preocupación común do estado da cultura en Galicia

Redes en acción

En “Bretaña Esmeraldina” Méndez Ferrín ideou unhas redes escarlata, xentes do cárcere que se organizaban para planearen fugas. E este espírito crítico, asociativo e activo é o que recuperaron as Redes Escarlata que desde hai case dous anos uniron escritores, pensadores, pintores e xentes de ámbitos moi distintos para reivindicar un futuro distinto. Unha idea de “nación galega” pola que traballan desde diferentes ámbitos con actividades culturais e sociais.

“Non distinguimos entre actividades sociais e culturais” afirma Manuel Iglesias un dos membros da directiva das Redes Escarlata. Por ese mesmo motivo, as actividades que organiza a asemblea van desde encontros culturais ou recitais de poesía, ata actividades polo día dos traballadores ou reivindicacións dos dereitos das minorías. Por iso é lóxico que se definan, como asegura Rober Bass, outro dos membros da directiva, como “unha asociación de intervención social, política e cultural”.



A xénese

A idea das Redes Escarlata nacía con Méndez Ferrín en “Bretaña Esmeraldina”, co que gañou o Premio da Crítica no 87. Eran un grupo subversivo que se organizaba para planear fuxir do cárcere en que se atopaban. Unha idea na que incidiron varios escritores en obras posteriores, como Chus Pato en “M-Talᔠaínda que con matices diferentes. Pero en todo caso, en todos eles se abordaba a idea de resistencia contra un sistema, de actividade e de cohesión que son características comúns a este movemento. Naceron hai case dous anos, o catro de maio do 2001, e desde entón triplicaron e diversificaron o nómina de membros.



Pero neste tempo a situación, lonxe de mudar, mantén as mesmas características que fixeron emerxer as Redes e que denunciaban no seu manifesto fundacional. Hoxe tanto Manuel como Rober subscriben os mesmos obxectivos cos que naceron: internacionalisimo, cultura, laicismo, pluralismo informativo, contrainformación... “Seguimos -anunciaba Manuel- preocupados polo estado da cultura, polo abafante panorama que nos impón o presente”.



Trazado reticular

E para facer fronte á realidade as Redes organizan actividades e proxectos, e para facelas organízanse en grupos de traballo. Como asociación que son non gozan de estructura interna, pero si dunha forma práctica de traballar que fai que se agrupen en comarcas, mantendo as delimitacións xeopolíticas, e en comisións.



As agrupacións por comarcas están organizadas segundo criterios xeográficos arredor das grandes cidades e vilas. Ademais está a comarca virtual, que é aquela que agrupa a xente que está no exterior (entendida aquí como fóra dos límites da Galicia administrativa) e que participa nas actividades das Redes a través do correo electrónico. Para toda esta xente a web e os foros e roldas de correo son unha das ferramentas fundamentais para sentirse dentro do grupo. As propostas que se debaten e discuten nos foros son moitas veces as que logo se debaten nas asembleas extraordinarias en que todos os membros deciden as actividades que van desenvolver as Redes.



Destas xuntanzas saen tamén as comisións, as outras formas de elaborar grupos de traballo e que teñen un criterio temático. Por exemplo, na última reunión de traballo celebrada hai pouco máis dun mes, as Redes decidiron crear a “Comisión de Reflexión e Defensa do Patrimonio Natural”, para abordar Galicia desde a óptica do ecoloxismo. E para facelo, entre as súas actividades está presentar unha alegación á construcción da autovía entre Santiago e Lugo para lograr salvar o Val do Ulla do asfalto.




Con principios

O ecoloxismo, a loita das mulleres, a concepción do planeta como un todo, apoiar a razón da saúde e da ecoloxía contra a tolemia do capitalismo depredador, a viabilidade dos sectores productivos, a dignificación das condicións de traballo, a integración respectuosa dos inmigrantes e a liberdade non autoritaria de opcións sexuais eran algúns dos seus compromisos de partida e que pouco a pouco van desenvolvendo.



Entre os proxectos futuros está, segundo Rober Bass , “o de sacar un manifesto a favor dos dereitos do gais e lesbianas no que asumimos que estamos a favor de facer outing (facer pública a homosexualidade real ou presunta doutra persoa sen o seu permiso) a políticos de partidos que menoscaban os seus dereitos”.



E hai máis, segundo Manuel “un libro de poemas que sairá á venda a semana que vén, unha acción na rúa prevista para conmemorar o primeiro de maio, varios recitais, unha subscrición popular, en colaboración coa Asociación Cultural Dorna da Illa de Arousa, coa finalidade de erguer un monumento a Manuel Antonio”. Así como crear o premio Roberto Vidal Bolaño como homenaxe ao actor e director recentemente falecido, a personalidade ou colectivo caracterizado polo seu esforzo no proxecto de construír Galicia.



Impleméntate

As Redes Escarlata defínense sempre como un colectivo activo e aberto; xa non só para recibir socios, senón tamén para apoiar movementos e actividades que organicen outros colectivos. E en parte porque o seu financiamento é escaso. “No tempo que levamos traballando só recibimos unha subvención, que foi para organizar unha actividade na rúa no concello de Ourense -afirma Manuel Seixas- o resto das actividades custéanse coa cota de cada membro”. Unha achega que é de 30 euro ao ano, 6 no caso de parados e estudiantes.



A rede é outro campo de actuación no que o sitio web das Redes desenvolve outro tipo de actividades. Alén dos foros, hai as tres implementacións, que son, segundo Manuel “tres revistas electrónicas que nacen da iniciativa dos membros da asociación que vai medrando ao mesmo tempo que medra o colectivo”. As revistas son “Suxeito/Activo”, unha revista de pensamento; “Espasmo”, Implemento de construcción literaria e “Rosa Escarlata” Revista de Escarnio e Maldicer. Tres revistas que cambiarán co novo deseño que Rober Bass anuncia para o sitio web.