Os historiadores da arte mobilízanse no Día Internacional dos Monumentos

Compostela e Lugo concentran visitas guiadas e accións reivindicativas

O 18 de abril celébrase o Día Internacional dos Monumentos e Sitios Históricos que promove ICOMOS (Consello Internacional de Monumentos e Sitios Histórico-Artísticos). No noso país, este ano a conmemoración está tinxida de reivindicación. Os historiadores da arte que se integran con sección propia no Colexio de Doutores e Licenciados en Filosofía, en Letras e en Ciencias de Galicia (CDLG), aproveitan a xornada para reivindicar o seu papel na interpretación do patrimonio. Así, Lugo e Compostela acollen actividades deste colectivo coa intención de "dar a coñecer á sociedade a preocupante situación que presenta a difusión do Patrimonio Histórico no noso país no que atinxe á inexistencia de controis sobre a calidade e profesionalización das actividades relacionadas coa salvagarda e difusión do patrimonio cultural e a inadecuada regulación destas actividades profesionais, caracterizadas polo intrusismo profesional, a explotación laboral ou a banalización dos contidos difundidos".

Neste sentido, os historiadores lerán ás 12 desta mañá na porta da Facultade de Historia da Universidade de Santiago e na Praza de Santa María de Lugo un manifesto. No mesmo denuncian unha lexislación que lles impide explicar elementos patrimoniais e deixa esta responsabilidade unicamente en mans dos guías turísticos. No texto, o colectivo reclama unha nova regulación legal que recoñeca as súas capacidades e lles permita traballar neste ámbito.

Ademais da lectura do manifesto, as actividades de hoxe inclúen unha visita guiada ao paraninfo da Facultade de Historia da USC e o itinerario cultural “Patrimonio, urbanismo e Igrexa en Compostela”. En Lugo, pola súa banda, realizarase outro percorrido co título "Topografía sacra do conxunto episcopal lucense".