Oscar Ibáñez presenta un disco de homenaxe a Ricardo Portela o Gaiteiro de Viascón

O 25º cabodano de Portela servirá tamén para recordalo con actos públicos e unha gala

O 25º cabodano de Portela servirá tamén para recordalo con actos públicos e unha gala
Oscar Ibáñez coa gaita de Ricardo Portela. Foto de Oscar Ibáñez Oficial
Co gallo dos 25 anos do pasamento do gaiteiro Ricardo Portela (Viascón, 1920-Pontevedra-1992) Oscar Ibáñez presenta un novo disco baixo o título Aires de Pontevedra. Homenaxe a Ricardo Portela, 25 Anos Pasamento no que homenaxea ao Gaiteiro de Viascón cunha selección do seu repertorio máis característico interpretado coa súa propia gaita de dixitación pechada. A efeméride incluirá ademais diversos actos este venres nos concellos de Cerdedo-Cotobade, cunha ofrenda floral ante o busto dedicado ao músico, e en Pontevedra co descubrimento dunha placa na rúa Laranxo e unha posterior gala musical no Teatro Principal. No disco colaboran na percusión destacados artistas que gravaron ou tocaron con Ricardo Portela na década dos 80 fundamentalmente como Xosé V. Ferreirós (Milladoiro), Chuco Estevez Gonzalez (E-Trad), Gonzalo Caride (artesán-músico), Wenceslao Cabezas "Polo" (Escola Municipal de Danza do Concello de Vigo), Antón López "Toniño" (Treixadura), Manuel Solla (Os Cruceiros), Xosé Carlos V. Bouza e Jesus Corral Fernandez (Xarabal), Miguel Souto (O Fiadeiro), Alberto Costas (PelePau), Manuel Alonso e Xosé María Gutiérrez (Noitarega). O álbum foi gravado, mesturado e masterizado en Chispún! Estudio (Vigo) por Rubén Troitiño, edita e distribúe Inquedanzas Sonoras baixo licenza de Oscar Ibáñez. Non é a primeira vez que Ibáñez rende tributo a este mestre da gaita, xa en 2008 impulsou unha homenaxe en forma de dobre CD editado por Edicións do Cumio baixo o título Foliada nas Rías Baixas. Homenaxe a Ricardo Portela, o Mestre.

Ricardo Portela ocupa por méritos propios un lugar destacado na historia da gaita ao carón de Manuel Villanueva, Perfecto Feijóo, Xoán de Campañó ou Avelino Cachafeiro, dos que foi admirador e continuador, a súa figura foi o elo fundamental entre a gaita tradicional e a gaita actual. Carlos Núñez, Anxo Lorenzo ou Oscar Ibáñez e estranxeiros coma o bretón Patrick Molard, Robert Mathieson, Cillian Vallely (Lúnasa), ou Roland Becker (Kevrenn Alre) gravaron e internacionalizaron o seu repertorio de modo que na actualidade o seu tema Aires de Pontevedra é un case como un himno que representa a Galicia no mundo celta. Na década dos 80 Portela realiza a a súa discografía como solista e vive a súa etapa de esplendor. Deste xeito grava en 1980 Festa en Viascón para o selo Ruada e en 1990 Alborada en Cotobade para o selo galego Edigal. Destaca a súa participación no triplo álbum Instrumentos Musicais Populares Galegos (Sonifolk, 1987) xunto co Grupo didáctico-musical do Obradoiro, Escola de gaitas e zanfonas Universidade Popular do Concello de Vigo e a súa actuación na homenaxe a José Afonso gravada en directo no parque de Castrelos en 1985 editada por Edicións do Cumio en 2000 nun CD baixo o título de Galiza a José Afonso. Tamén participa nas primeiras xuntanzas de gaiteiros en Ortigueira organizadas por Xavier Garrote que derivaron na creación da Asociación de Gaiteiros Galegos da que Portela foi presidente fundador, actúa en destacados festivais como no Festival de Ortigueira en 1982, no III Festival de Inverno, na cidade de Vigo en 1983, ou no I Festival Nocturno Celta do Morrazo en 1985, antecesor do actual Festival Intercéltico do Morrazo; tamén en 1985 toca no paraninfo da Universidade de Santiago dentro dos actos do centenario rosaliano, por iniciativa de Xosé Filgueira Valverde, quen prologaría 5 anos máis tarde o seu álbum Alborada en Cotobade.