O Forum Gastronómico visibiliza unha nova xeración de cociñeiros galegos

Estará aberto ata mañá martes na Coruña

Na década do 2000 unha nova xeración de cociñeiros galegos xuntáronse no Grupo Nove e conseguiron mudar a imaxe da cociña galega, exclusivamente anclada ata o momento no mundo tradicional, e dando paso a unha imaxe complementaria de gastronomía de avangarda a partir do produto e as tradicións locais. Onte, o Fórum Gastronómico de Coruña visibilizou unha nova xeración de cociñeiros galegos que rondan os trinta anos pero están conseguindo crear locais de referencia. Nomes como Alberto Cruz (Landua, Dumbría), Carlos Javier González (Merenzao, Ribeira Sacra), Diego López (La Molinera, Lalín), Nacho Rodríguez (Gastromanía, Palmeira), Alén Tarrio (Pazo de Altamira, Santiago de Compostela) ou Alberto Lareo (Manso, Santiago de Compostela) realizaron obradoiros amosando unha nova xeración de profesionais que se incorpora ás existentes. O Fórum Gastronómico continuará ata mañá, martes 13 de marzo.