As primeiras publicacións sobre Carlos Casares adiantan o seu Día das Letras

Libros para crianzas, unha biografía e tres volumes de obra xornalística son as novidades sobre o autor

| Santiago. Redacción | Seccións: Literatura
Compartir:
As primeiras publicacións sobre Carlos Casares adiantan o seu Día das Letras

Comezan os lanzamentos editoriais arredor da figura de Carlos Casares, a coincidir co Día das Letras que se lle dedica ao autor ourensán. Deste xeito, Xerais dá a coñecer Carlos Casares. Vida e literatura, unha obra de Damián Villalaín que procura dar a coñecer a figura do homenaxeado ao público que teña once ou máis anos. A partir do seu coñecemento persoal con Casares, o autor repasa a súa vida, obra e personalidade, a explicar os méritos que o fixeron merecedor da lembranza neste 17 de maio. Tamén para os máis cativos, Galaxia reeditou o pasado mes os catro volumes da serie Toribio, personaxe creado polo propio Casares. Este é Toribio, Toribio e o contador de contos, Toribio ten unha idea e mais Toribio revoluciona o tráfico volven a ver a luz coas ilustracións de Penélope Ares.

Pola súa banda, Galaxia presenta a biografía do escritor, elaborada para a ocasión por Henrique Monteagudo. Carlos Casares. Un contador de historias reflexiona sobre as conexións entre a biografía e a creación do novelista e repasa o seu percurso en diferentes etapas. A mesma editorial acaba de publicar ademais os volumes oito, nove e dez de Á marxe, a colectánea da obra xornalística que casares publicou en La Voz de Galicia na columna do mesmo título. As novas colectáneas recollen os traballos que saíron publicados no xornal entre 1999 e 2002.

Que che parece esta nova?
65 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Ares, Carlos Casares, Damián Villalaín, Penélope Ares...