A Academia do Audiovisual recoñece a Marta Villar co premio Fernando Rey

O programa En Xogo foi galardoado co José Sellier

21/2/2017 | Santiago. Redacción | Seccións: Audiovisual
Compartir:

Marta Villar. Fonte: Academia Galega do Audiovisual

A Academia Galega do Audiovisual (AGA) daba a coñecer esta mañá os galardoados cos seus premios de honra. Nesta ocasión foi a directora de arte Marta Villar a agraciada co premio Fernando Rey, que valora toda unha carreira no sector audiovisual. Segundo explica a entidade, o galardón quere "recoñecer os moitos anos de traballo e a impecable traxectoria dunha compañeira que aínda que esté ‑e neste caso máis que nunca‑ detrás do decorado, forma parte sustancial do noso audiovisual". A AGA destacada ademais que "son moi poucas as ocasións nas que estes galardóns recaen no persoal técnico e menos aínda en mulleres".

Canda a este, a Academia tamén anunciou que lle outorgou o premio José Seller, dedicado a recoñecer iniciativas salientables no sector audiovisual, ao programa En Xogo da TVG. Segundo apunta o comunicado da AGA, o galardón premia "o traballo levado a cabo durante máis de 30 anos por este programa a prol da normalización da língua e de apoio ao deporte, no só aos maioritarios, senón principalmente ao deporte de base, aos femininos e a aqueles que adoitan ter escasa repercusión nos medios". Do mesmo xeito, a entidade tamén quere recoñecer o feito de que En Xogo ten actuado como "unha grande escola de profesionais" do audiovisual do país.

Os dous premios entregaranse na Gala dos Premios Mestre Mateo, que se celebrará o vindeiro sábado 4 de marzo no Palexco da Coruña.

Que che parece esta nova?
43 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Marta Villar, Mulleres, Academia Galega do Audiovisual, TVG...