A bailarina Nuria Sotelo leva o XVI Premio de interpretación teatral Maruxa Villanueva

O galardón entregarase en Padrón o vindeiro novembro coincidindo co outono cultural

A 16ª edición do Premio de interpretación teatral Maruxa Villanueva , correspondente ao 2016, fallouse onte no Concello de Padrón, entidade local promotora do galardón e foi para a bailarina Nuria Sotelo (Ourense, 1978). A bailarina e coreógrafa, directora artística da súa propia compañía, Licenciada Sotelo, estudou danza desde a súa infancia e traballou en diversas obras de outras compañías como o Centro Coreográfico Galego, Elefante Elegante ou Matarile Teatro. A súa elección tivo a unanimidade do xurado despois de presentar varias propostas de actores e actrices destinados a este premio de teatro. Segundo a acta do premio o xurado decidiuse por Sotelo "pola súa traxectoria profesional como actriz bailarina, a súa capacidade para potenciar a fisicalidade na actuación. Destaca tamén a súa faceta como creadora e coreógrafa na súa compañía, así como en colaboracións con outros colectivos escénicos., especialmente no espectáculo".

O xurado estivo conformado por Lorena Couso Dopazo, concelleira de cultura do Concello de Padrón; o actor Carlos Caetano Biscainho Fernándes, o dramaturgo Alfonso Becerra de Becerreá; a escritora e profesora da escola superior de arte dramático de Galicia Inma López Silva; Roberto Pascual Rodríguez, profesor da ESAD; dona Comba Campoy García, actriz e Cesáreo González Pardal representante do grupo municipal Alternativa por Padrón. O premio consiste; en 1.200 €, unha estatuíña en bronce de Maruxa Villanueva realizada polo escultor Camilo Seira e un diploma acreditativo, e será entregado o primeiro sábado do mes de novembro nun acto público, cadrando coa inauguración do programa do outono cultural no que varias compañías de teatro profesional e non profesional actuarán no auditorio municipal os fins de semana do outono 2017.