En las orillas del Sar, con ilustracións do pintor Xurxo Alonso, é título co que El Patito Editorial fecha a colección de poesía completa de Rosalía de Castro ilustrada por artistas galegos. O volume presentarase o vindeiro 21 de xaneiro na Galería Sargadelos de Compostela, nun acto no que se lle renderá homenaxe a Fran Pérez Narf. O músico recentemente falecido musicou textos de Rosalía no libro-CD Nas Tardes Escuras, publicado nesta mesma colección. O espazo acolle tamén, ata o 28 de febreiro, unha mostra na que se pode ver unha escolma das ilustracións orixinais coas que os diferentes artistas interpretaron os versos da poeta. Obras de Fausto, que se encargou de La Flor / A mi madre, as de Pepe Barro para Cantares Gallegos, o traballo de Álvaro de la Vega para Follas Novas, o de Manolo Figueira para Poesía Variada e o xa comentado de Xurxo Alonso para En las orillas del Sar estarán expostos nesta iniciativa. As actividades enmárcanse na celebración do Día de Rosalía o vindeiro 24 de febreiro.