O selo discográfico Fol Música ven de presentar un disco recompilatorio no que fai unha homenaxe ás mulleres da música de raíz. En Mujer Raíz Root Woman reúnense voces femininas esenciais da música galega actual copando a maioría dos 14 temas do disco, complementadas con outras propostas de mulleres de Brasil ou África , por exemplo. No disco están presentes Mercedes Peón, Guadi Galego, Ugía Pedreira, Uxía, Susana Seivane, Cristina Pato, Rosa Cedrón e Sés. Tamén están como grupo Malvela, Doa e Fuxan os Ventes, estes últimos acompañados de Sabela Rodríguez. O músico ourensán Magín Blanco tamén aparece colaborando en dúas das cancións, nunha delas coa brasileira Luanda Cozzetti. A través dun comunicado o selo di querer comezar así o ano "porque -din- presentimos que vai ser un ano transcendental para os dereitos das mulleres. Van caer moitas barreiras e derrubar muros de prexuízos e inxustizas que aínda existen en todo o mundo. As mulleres van tomar conciencia da súa forza e a súa poder e sen renunciar aos seus valores, á feminidade, a intuición, a compaixón. A empatía e a non violencia, van dar un salto cuántico para lograr a igualdade e ocupar lugares e posicións relevantes en todos os ámbitos políticos e culturais." O álbum está xa dispoñible nas plataformas dixitais.