Novos achados confirman a importancia arqueolóxica de Cova Eirós

Os investigadores do depósito presentaron o resultado da última campaña de escavacións

Foto: USC/IPHES
Foto: USC/IPHES
Os reponsables do proxecto de investigación de Cova Eirós, Ramón Fábregas e Arturo de Lombera, presentaron esta mañá na Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago os resultados da campaña de escavacións 2015-2016 neste depósito. Os novos achados confirman, segundo os investigadores, a importancia deste espazo para comprendermos o proceso de extinción dos neandertais. De feito, os últimos datos apuntan que a cova de Triacastela acolleu un dos últimos grupos desta especie que habiou o norte peninsular, xusto antes da chegada do Homo Sapiens. Ademais, a campaña de traballo permitiu analizar aspectos simbólicos e rituais dos cazadores do paleolítico superior, coa aparición de novos motivos de arte rupestre no interior da cavidade. A datación destas creacións revelan unha antigüidade de máis de 10.000 anos.

Segundo explicaron os investigadores, os estratos analizados conteñen vestixios que van dadesde a últimas comunidades de neandertais ata comunidades campesiñas altomedievais. As intervencións en Cova Eirós foron dirixidas desde o Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noreste (GEPN-ATT) da USC, en colaboración cun importante equipo de investigación do Institut Català de Paleoecologia Humana i Evolució Social (IPHES), da Universitat Rovira i Virgili de Tarragona. As campañas de escavación do último bienio enmárcanse en senllos convenios de colaboración asinados entre a Consellería de Cultura e Educación e a Universidade de Santiago de Compostela.

Na actualidade existe un movemento social que reclama a declaración da cova como Ben de Interese Cultural para garantir a súa protección, dada a proximidade dunha canteira a este espazo.