Quico Cadaval estreará o primeiro Valle-Inclán en galego

'A cabeza do dragón' porase nas táboas case un mes antes que o 'Martes de Carnaval' do CDG

A etiqueta de "primeira representación de Valle-Inclán en galego" resulta moi disputada e agardada desde hai ben tempo. A liberación dos dereitos da obra do autor , que permite saltarse as restricións á tradución impostas polos herdeiros ata o de agora o fan posible e xa hai dúas previsións para o 2017. Se ben a produción parcial de Martes de Carnaval polo CDG foi a primeira en presentarse públicamente, a compañía Producións Teatrais Excéntricas a adiantará en case un mes na subida ás táboas dun texto en galego do dramaturgo coa posta en escena de A cabeza do dragón o 3 de marzo, cando a estrea do CDG está prevista o 31 dese mes. Será o teatro Principal de Compostela o que acolla esta estrea dirixida por Quico Cadaval con previsión de 6 representacións do primeiro Valle-Inclán galego até o sábado 11 de marzo, para chegar, o venres 17 ás táboas do Teatro Colón da Coruña, onde permanecerá en cartel até o sábado 18 con dúas representacións programadas. "A Cabeza do Dragón" conta coa dramaturxia e dirección de Quico Cadaval, compartindo escenario cun elenco artístico composto por Iván Marcos, Ana San Martín, Víctor Mosqueira, Patricia Vázquez, Josito Porto, Yelena Molina e Marcos Orsi.

A Cabeza do Dragón foi incluída polo autor, Ramón María del Valle-Inclán, nunha coleción de farsas que, titulou, ironicamente, Retablo de marionetas para educación de príncipes. A historia conta, mais unha vez, a viaxe ao corazón do dragón que se narra en todas as culturas do mundo, e tamén na cultura europea. Nesta fabula, que é do dominio público, o autor Valle-Inclán introduce elementos actuais, crítica social, brincadeiras políticas, anacronismos argumentais, comentarios alleos á tradición do conto marabilloso. A función liberadora do riso, a corrupción política, a violencia machista, a anacrónica institución da monarquía, o medo á liberdade ou a banalización do amor romántico son temas da obra que continúan de actualidade.