A Real Academia Galega de Ciencias entrega os seus Premios de Investigación

O anisakis e a obesidade protagonizan os traballos galardoados

O novo método de detección do parásito anisakis no peixe fresco que desenvolveu o Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) de Vigo foi seleccionado pola Real Academia de Ciencias (RAGC) como gañador do seu Premio de Investigación 2016. Mónica Carrera, José Manuel Gallardo, Santiago Pascual, Ángel González e María Isabel Medina crearon esta nova técnica que permite detectar as variedades máis comúns deste parásito en menos de dúas horas, o que lle facilitará á industria pesqueira garantir a salubridade de moitos dos seus produtos. Ademais deste galardón, dotado con 6.000 euros, a RAGC entregou tamén o premio na categoría de investigadores mozos, dotado con 2.000. Nesta ocasión o galardón foi para Silvia Barja, do Grupo de Fisiopatoloxía Endócrina Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, polo seu traballo sobre a influencia da dieta alta en graxa sobre a produción no estómago dunha proteína capaz de actuar como protectora fronte á obesidade.

O xurado ademais distinguiu con senllas mencións o traballo sobre a función de Green realizado polos matemáticos da USC Alberto Cabada e Lorena Saavedra e mais o labor de Jessica Rodríguez, do Centro Singular de Investigación en Química Bioloxía e Materiais Moleculares (CIQUS) da USC, polo traballo de recoñecemento selectivo de longas secuencias de ADN con construcións peptídicas multicompoñentes.