En colaboración coas catro deputacións provinciais a Academia Galega do Audiovisual presentou onte a primeira edición e convocatoria dos Premios María Luz Morales de Ensaio sobre o Audiovisual. Os premios, que nacen para promover a investigación científica no ámbito audiovisual, contarán con catro modalidades que atenderán traballos de videoensaio e ensaio escrito, de ámbito galego e internacional. Cada unha das modalidades de traballo estará dotada con 1.200 euros de premio e un galardón . O prazo para a presentación de traballos comeza hoxe e finalizará o vindeiro 7 de maio. No acto de presentación da primeira edición dos premios, participaron os responsábeis das áreas de Cultura das Deputacións da Coruña, Pontevedra e Lugo, Goretti Sanmartín, Xosé Leal e Pilar García, o Concelleiro de Culturas da Coruña, José Manuel Sande e o Presidente e a Tesoureira da Academia Galega do Audiovisual, Carlos Ares e María Yáñez, directiva da AGA que coordina os premios. Para María Yáñez a convocatoria responde á necesidade "de mirar para esa outra parte do audiovisual e visibilizar a investigación que se está a desenvolver por parte de moita xente que dá moito sen recibir case nada a cambio". Destacou tamén que as bases recollen catro modalidades de traballos, en soporte de ensaio escrito e videoensaio e para audiovisual galego e internacional. "Quixemos aproveitar tamén a propia linguaxe audiovisual para investigar e divulgar", anotou ao tempo que agardou unha participación elevada para confirmar "a hipótese de partida de que hai moitas persoas investigando".
Esta convocatoria homenaxea a María Luz Morales (A Coruña 1898 - Barcelona 1980) unha figura do eido da comunicación que goza dunha traxectoria en que, entre outros méritos, ten o de ser a primeira muller que dirixiu un xornal en España, xa que estivo á fronte de La Vanguardia no tempo que vai de xullo de 1936 a febreiro de 1937. Á marxe do seu labor xornalístico(no que visitou xéneros anovadores como a crítica de cine), a actividade de M.ª Luz Morales desenvólvese en multitude de ámbitos, tanto na literatura como na tradución, no mundo editorial ou en proxectos cinematográficos. A súa obra valeulle unha manchea de premios, como o Premio D´Ors da Asociación de Prensa, o Premio Nacional de Teatro ou as Palmas Académicas de Francia.