Máis premios, novos xogos e concursos nunha nova edición de Xuventude Galicia Net

Encontro freak

As súas cifras fannos pensar que non é un evento calquera. Máis de 50.000 visitas ao web, máis de 20.000 solicitudes de todas as comunidades para só 1500 participantes; 40.000 metros de cabo; 56 horas en que a informática é o epicentro sobre o que gravitarán xogos, programas, concursos.... é o Xuventude Galicia Net (XGN), o "party" informático máis importante dos que se celebran en Galicia e que hoxe abre as súas portas no Pazo de Congresos de Santiago.

Nos anos 80 en Dinamarca celebráronse un tipo de encontros que xuntaban a mozos e mozas menores de trinta anos que se introducían na informática a través dos xa históricos Spectrum 48K ou Commodore 64. Uns eventos que foron bautizados como “parties” polo seu carácter lúdico xa que tiñan o pirateo dos xogos, daquela moi caros, como parte máis destacada. Co atraso co que foi chegando a tecnoloxía a Galicia pouco a pouco foron introducíndose tamén as festas, os eventos máis lúdicos e festivos de toda a revolución tecnolóxica. E entre todas as que se teñen celebrado destaca unha, a Xuventude Galicia Net, que malia o nova que é -coa que hoxe comeza van só catro edicións- é unha das máis sonadas xa non só de Galicia, senón tamén do Estado.



Eduardo Mato, director xeral de Coordinación de Programas da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, estaba gratamente sorprendido pola expectativa levantada. “É certo que fixemos unha campaña forte de presentación previa, pero o día que abrimos o proceso de preinscrición aos tres minutos xa nos chegaban correos”. E é que o Xuventude cumpre moitos requisitos para ser un party de éxito.



Características XGN

“Existen certos prexuízos cara este tipo de partys, pero o XGN organízao a Administración e pretendemos centrarnos no punto de vista formativo: con conferencias, talleres... iso si, sen descoidar o que queren, preferentemente, que é xogar”. Eduardo Mato resume así os principios fundamentais do XGN que se poden apreciar no programa: formar, informar e entreter. Formar porque existen conferencias, mesas de debate e coloquios de expertos que pretenden servir de seminario ou de “clase” para os rapaces. Informar porque existe un gran número de patrocinadores e de colaboradores do XGN, que son empresas fortes no sector da informática que estarán presentes no evento para levar as últimas novidades e que cada quen poida acudir (que pola súa vez son clientes potenciais co que este é un bos escaparate). E por último, entreter porque a parte máis importante do evento céntrase nos xogos e nos concursos (en rede, en equipos ou individuais), todo vale con tal de que leves o teu ordenador.



Portátiles, pdas, xogos, cámaras dixitais, consolas, demos.... son algúns dos premios que entre a Consellería de Familia, Cultura e os numerosos patrocinadores e colaboradores (EL Corte Inglés, Logitech, Arquinet, Microsoft, Mondariz, Danone...) que conseguen que este sexa máis que un encontro, máis que un foro e máis que un party.



Entre as novidades desta cuarta edición están os concursos de caixas de ordenador (onde cun parafuso tes que demostrar a túa creatividade e orixinalidade facendo da CPU unha obra de arte), o de fotografías dixitais de Santiago (para o que haberá un autobús que te levará ao centro o domingo pola mañá para tirar as túas imaxes) ou un de páxinas web sobre un contidos que facilitan diferentes asociacións culturais de toda Galicia.



¿Quen pode ir?

Se tes entre 16 e 30 anos; se te preinscibiches no prazo correspondente; se pagaches 20 ou 24 euros (segundo sexas posuidor ou non dalgúns dos carnés da Xunta: Xove ou Máis) xa es un Xuventude Net. Agora só tes que levar teu ordenador ao evento. A matrícula cobre aloxamento no monte do gozo e a comida dos tres días que dura o “party” e a unha praza onde instalar o ordenador e a un enchufe de rede eléctrica e outro de rede de datos. Por iso cada quen ten que levar o seu ordenador, auriculares (os altofalantes están totalmente prohibidos), teclado, rato, monitor e todos os accesorios que cada quen queira pero disposto para un só enchufe.



Pero se non puideches preinscibirte ou non obtiveches praza, o XGN tamén dedica un espacio e actividades para os visitantes. É a parte que chama “Extranet” onde haberá ordenadores de libre acceso para navegar por Internet e postos promocionais dos patrocinadores do evento onde poderás ver as últimas tendencias en xogos e hardware.




Unha máis

Con esta van xa catro edicións do Xuventude Galicia Net que é o party máis importante dos que se celebran en Galicia. Pero non é o único, o “Arroutada Party” na Coruña; o “campus party” de Ourense ou os Galiencontros (que o Fimo organizou en Ferrol) son algunhas das citas informáticas e lúdicas que se convocaron nos últimos anos. A gran diferencia do Xuventude é, ademais dun programa completo de actos, os elevados premios e o seu alto nivel de organización e a capacidade de convocatoria. En parte porque é un evento que organiza a Administración e aproveita para darlle un matiz formativo. Sexa quen sexa o que organice, os “partys” están de moda.