Olalla Cociña gaña o Premio de Poesía AFundación

A obra Vestir a noite impúxose entre as 33 presentadas ao certame

Olalla Cociña (Viveiro, 1979) é a gañadora da décimo cuarta edición do Premio de Poesía Afundación polo seu poemario Vestir a noite que se impuxo entre os 33 traballos que concorreron ao certame. A obra, presentada pola súa autora baixo o lema Tillandsia, é, en palabras do xurado, "unha proposta poética ben artellada e consciente da súa macroestrutura. Un traballo compacto con grandes virtudes expresivas e que ofrece unha visión harmónica dos espazos e dos tempos". Tamén destacou o xurado "a imaxinería naútica e a habelencia na clausura dos textos de Vestir a noite, que lle "aporta ao panorama da nosa lírica unha proposta dinámica e refrescante". O xurado estivo composto por Dores Tembrás, escritora; Anxo Angueira, profesor da Universidade de Vigo e presidente da Fundación Rosalía de Castro; Ana Abelenda, xornalista e crítica literaria en La Voz de Galicia; e Xabier Castro Martínez, escritor e secretario do xurado. O galardón está dotado con 6.000 euros e a publicación da obra dentro da colección Arte de Trobar.

Olalla Cociña Lozano é Licenciada en Ciencias da Comunicación, vive en Santiago. Obtivo no 2000 o premio de poesía "O Facho". Publicou os poemarios As cervicais da memoria (Premio Avelina Valladares 2004), Aquí (intemperies) (2006), Libro de Alicia (Premio Fiz Vergara Vilariño 2008, editorial Espiral Maior) e Ningún precipicio (Toxosoutos, 2013). A súa obra pódese atopar tamén en publicacións colectivas e antoloxías como Das sonorosas cordas. 15 poetas desde Galicia, Poetas con Rosalía, Volverlles a palabra, Letras novas, Sentimentalismo. Antoloxía de referencia. Etapa de implantación, Novas de poesía (Fundación Uxío Novoneyra 2013) ou Punto de ebullición: Antología de la poesía contemporánea en gallego (2015). Entre 2011 e 2015 coorganizou o ciclo de lecturas poéticas Picaversos. Ten impartido talleres de animación á escritura e á lectura.