Cartas de inverno celebra os 100.000 exemplares vendidos

Xerais publica unha edición especial do libro de Agustín Fernández Paz

Edicións Xerais acaba de anunciar o lanzamento da trixésimo quinta edición de Cartas de Inverno, novela para o público xuvenil de Agustín Fernández Paz. A edición ten de particular que conmemora os 100.000 exemplares vendidos desta obra, que saíu á luz por vez primeira en 1995 no marco da colección "Fóra de xogo". O novo lanzamento incorpora unhas capas en flexibook, con doce ilustracións orixinais de Antonio Seijas e o texto Doce + nove: vinte un anos despois do propio Fernández Paz. A cifra supón unha marca na literatura galega moderna, e sitúa a obra como unha das máis vendidas na nosa lingua, por detrás só de fitos como Memorias dun neno labrego de Neira Vilas.