Abre na Coruña unha mostra histórica sobre a BD galega dos anos 70

BDG70: a revolta do cómic galego pode verse na sala Normal ata o 31 de decembro

A Sala Normal, dependente da Universidade da Coruña, acollía na tarde de onte a inuaguración da exposición BDG70: a revolta do cómic galego. Este espazo da Cidade Herculina acolle ata o vindeiro 31 de decembro unha exposición histórica sobre a banda deseñada do país. Xulio Carballo, autor da primeira tese de doutoramento sobre a nosa novena arte, comisaría un proxecto que amosa traballos de 27 autores, entre eles nomes como Antón Patiño, Fran Jaraba, Isaac Díaz Pardo, Miguelanxo Prado, Oitabén, Pepe Barro, Pepe Carreiro, Raimundo Patiño, Ulises L. Sarry, Xan López Domínguez, Xaquín Marín, Xesús Chichi” Campos, Xosé Díaz ou Xosé Lois O Carrabouxo.

Na mostra abórdanse elementos como as relacións destes creadores coas vangardas, as iniciativas expositivas pioneiras que se deron na época arredor da novena arte, os traballos orientados ao público infantil e xuvenil, a pegada da ciencia ficción ou o papel dos colectivos nun panorama efervescente que sentou as bases para o posterior desenvolvemento da BD en Galicia.

Segundo explica a presentación do proxecto "esta exposición quere pór de relevo a gran cantidade de artistas que, aínda en período ditatorial, canalizaron o seu pensamento antiautoritario e artístico a través dun medio aínda marxinal, o cómic, e dunha lingua pretendidamente marxinalizada, o galego. A riqueza e variedade temática, das técnicas artísticas e dos diferentes formatos empregados non deixarán indiferente o visitante, que con certeza vai poder mergullarse na historia política e social dos anos setenta por medio da novena arte".