Miriam Ferradáns imponse no XXIX Premio de Poesía Xosemaría Pérez Parallé

Xavier Queipo fíxose co premio de poesía erótica Illas Sisargas

A organización do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé daba a coñecer esta fin de semana o fallo do xurado da XXIX edición deste galardón. A buenense Miriam Ferradáns foi a gañadora da última edición do prestixioso premio, dotado con 2.000 euros e a publicación da obra na editorial Espiral Maior, co poemario Dos nomes do fume. O xurado, composto por Lara Dopazo, Paco Souto e Eduard Velasco destacou deste traballo "o fío narrativo que conduce a quen le ao longo de todas as páxinas" e mais sinalou que "o conxunto, escrito cun estilo limpo e cunha clara vontade de construción dunha voz propia, goza dunha forte unidade e solidez".

Tamén nesta fin de semana se deu a coñecer o galardoado co XI Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas. O escritor Xavier Queipo impúxose entre as 19 propostas que concorreron a este premio, dotado con 1.000 euros e a publicación do poemario vencedor por parte da Asociación Cultural Caldeirón, que organiza o certame. O xurado, composto por Francisco Souto, secretario da asociación Caldeirón, Mario J. Herrero e Antón Lois Noceda, recoñeceu a obra O Home Invisíbel pola "perfeita estructura do libro con elementos recurrentes en formación de bucle. Así como o coidado uso da lingua a fornecer unha intensa e heterodoxa carga erótica".