O CGAC presenta unha aproximación á obra de Eva Lootz

A artista austríaco-hispana inicia un proxecto sobre a pegada do volframio en Galicia


O Centro galego de Arte Contemporánea exhibe ata o vindeiro 29 de xaneiro unha selección de obras da austríaca Eva Lootz (Viena,1940), artista arraigada en España desde 1968 e Premio Nacional de Artes Plásticas en 1994. A exposición, comisariada por Alicia Murría, non pretende facer unha antoloxía desta artista destacada entre a súa xeración senón unha aproximación a unha serie de pezas significativas que arrincan na década dos setenta para chegar ata a actualidade. A relevancia de Lootz queda patente pola súa actitude rupturista e polo alcance da súa obra que esta presente nas principais e máis importantes coleccións e institucións de arte contemporánea. Nos obxectos expostos prima unha actitude de procura e experimentación cos máis diversos materiais, un primeiro bloque constitúeno unhas peculiares superficies pictóricas onde se suprimiu a cor para indagar nos comportamentos dos pigmentos e dos soportes: alcatrán, alkil, parafina, lacre, carbón, fibra de vidro, la, muletón, lona, tarlatana, esparto, feltro. Eva Lootz renega dunha escultura “sólida” buscando obras máis fluídas a través dos materiais.


Agora, nesta exposición, aborda o inicio dun novo proxecto sobre as pegadas deixadas en Galicia por un metal que foi estratéxico en boa parte do século vinte, o volframio, especialmente durante a segunda guerra mundial, cando se converteu nun material estratéxico e Alemaña o importou de Galicia en grandes cantidades. Lootz traza un mapa das súas localizacións e, en paralelo, un organigrama humano do seu impacto que pasa, por exemplo, polo número de obreiros —moitos deles presos políticos— que traballaron naquelas explotacións mineiras. O título, Cut Through the Fog , preside non só esta exposición senón unha forma de entender a realidade, o mundo, a alusión a un corte máis alá do visible, unha posición ante a vida.
Ligazóns