O escritor e sociólogo Fermín Bouza Álvarez (Santiago, 1946- Madrid , 2016) faleceu este sábado aos 70 anos de idade en Madrid, cidade na que exercía a súa profesión como Catedrático na Universidade Complutense e na que foi incinerado e soterrado o domingo. Bouza Álvarez era fillo do intelectual galeguista Fermín Bouza-Brey e malia ter marchado a vivir e traballar á capital española en 1969, fuxindo da policía para evitar a deportación, sempre mantivo a súa actitude galeguista e publicou no idioma propio varias obras de poesía, narrativa e ensaio, a primeira das cales foi a novela Memoria do Diaño en 1980 (Edicións do Rueiro) mentres que a súa derradeira achega foi a aparición nunha antoloxía de poetas galegos en Madrid editada en 2012. Coa súa obra Labirinto de inverno (Sotelo Blanco, 1990), recibiu o Premio Nacional da Crítica española. O politólogo mantiña un blog no diario dixital InfoLibre coa súa opinión da actualidade e as súas lembranzas e análises e no que aínda colgou unha nota o pasado día 6 na que avisaba da súa saída da UCI mentres comentaba a situación política do momento.