As numerosas obras realizadas na cidade deixan ver o pasado arqueolóxico de Vigo

As raíces ocultas de Vigo

Máis de 120 depósitos e unha trintena de achados soltos catalogados rachan co tópico de que Vigo é unha cidade nova que naceu como consecuencia da industrialización a finais do século XIX. O mapa arqueolóxico de Vigo evidencia que houbo asentamentos importantes na época tardorromana e altomedieval. E a medida que se continúan as obras aparecen novos achados que se preparan para integrárense no contorno e seren un punto máis de interese turístico.

Desde o paleolítico ata a idade media, o mapa arqueolóxico do Concello de Vigo ten depósitos que documentan e proban que houbo asentamentos anteriores. E son incluso tan relevantes que chegan a situar a cidade de Vigo nun lugar de referencia relevante na investigación histórica de Galicia. Unha visión que contrasta co tópico popular de que Vigo é unha cidade industrial e, polo tanto, recente no tempo. Moitos destes depósitos permaneceron ocultos ata que agora, na cantidade de obras que se están a realizar na cidade viguesa, fanse visibles logo de moito tempo.



¿Como viron a luz?

En 1992 o concello de Vigo aprobou realizar unha serie de Unidades de Xestión, Deseño e Mellora urbana, como era dotación de iluminación, pavimentado ou ornamentación que o Departamento de Patrimonio Histórico e Medio Ambiente aproveitou para realizar actuacións arqueolóxicas. Todo isto foi unha semente do plan urbano do concello vigués que ten como obxectivo prioritario avanzar no coñecemento das zonas de potencialidade arqueolóxica no mesmo momento en que se desenvolven mecanismos de protección e difusión do Patrimonio Histórico da cidade.



Pretendíase recuperar así as marcas de identidade e recuperar unha parte da historia dunha cidade que parece estar desmemoriada. Ao pasado recente e non tan recente que revelan unha historia que non se coñece e da que tamén se quere sacar partido turístico e cultural. Unha oferta máis en Vigo.



Necrópole do mar

Hai a penas 15 días, cando se estaban a rematar unha parte das obras de ampliación do Museo do Mar, os medios de comunicación vigueses falaban do achado dunha necrópole tardorromana de grande importancia arqueolóxica. Era o resultado dunha escavación que dirixe Ángel Acuña e que levaban máis dun ano en marcha. Ata o momento atopáronse tres enterramentos; dous corresponden á época tardorromana e o terceiro, o máis importante de todos, tratábase dunha fosa simple. Este último é un enterramento atípico, o único localizado ata o momento en Galicia e que se corresponde cun cambio de era e que se sitúa no estrato máis antigo, desde o s.VII a.de C. ata o IV d. de C., período do que só se obtivo información no depósito realizado na zona da Lanzada (Pontevedra). Un feito que dá para pensar que esta parte da costa viguesa tivo un asentamento continuado con actividade e importantes relacións comerciais que parecían estenderse polo menos desde Bouzas ata Toralla.

Logo do achado, que obrigou a levantar gran parte da praza do Museo do Mar, e debido á súa propia importancia e ao interese do concello en dar a coñecer o pasado a través da recuperación arqueolóxica, preténdese integrar o depósito dentro do propio museo. Para iso construirase unha pequena grada desde a que se poida contemplar o conxunto, facendo límite coa praza.




Toralla en bañador

Dentro dos límites do concello de Vigo hai catalogados un 27 castros entre os que destaca o Castro da Illa de Toralla en Coruxo e o Castro de Vigo, situado en pleno corazón da cidade.
Os restos da cidadela romana da viguesa Illa de Toralla comezáronse a escavar en 1992 e serán agora completadas coa elaboración dun proxecto que tamén contempla un estudio amplo e profundo dos vestixios atopados así como a súa presentación pública tanto no ámbito científico como no sociocultural en xeral, coa edición de guías e exposicións ao público. Pero non é a única actividade divulgativa dun depósito que foi escavado nos seus inicios polos propietarios do terreo. No depósito vese unha planta reticulada con lareira, praefurnio e restos dun mosaico datados entre o século III e o IV d. de C. O material localizado (cerámica, mosaicos e moedas) é dun grande contacto comercial. Pero non só iso, as actividades de divulgación do concello de Vigo con respecto a Toralla centrábanse en atraer ao público de verán con programas como “Tóralla en bañador” co que deron a coñecer como se realiza unha escavación arqueolóxica,



A cidade da muralla


Vigo estivo durante máis de trescentos anos rodeada por unha muralla que a defendía dos ataques corsarios. Unha muralla que cercaba un espacio en que vivían uns cinco mil habitantes que comezou a quedar pequeno e que foi creando outras formas de asentamento ao seu redor. É esa zona que se chama o casco histórico que hoxe se pretende recuperar mediante intervencións localizadas entre as rúas Fermín Penzol, Laxe, San Bernardo, Arguelles, Calatrava, a praza do Peñasco e a Pedra. O resultado destas escavacións localizou varias necrópoles, unha fábrica de salgadura e material cerámico de grande interese como resto dunha ánfora palestina e colares.



Pero hai máis, unha das necrópoles megalíticas máis importantes de Galicia está na Madroa en Vigo. Un feito que non deixaron pasar por alto as concellerías de Medio Ambiente e Patrimonio Histórico que están recuperando a zona para formar parte do Parque das Ciencias Naturais e que dan a coñecer mediante camiños guiados en que están sinaladas ata oito mámoas. Iniciativas coma esta fan que Vigo pretenda coñecerse a si mesmo, ao mesmo tempo que se dá a coñecer aos demais.