O documental Os días afogados sae do festival de Cádiz con tres recoñecementos

Ao Premio do Público engádeselle a mención especial do xurado e un premio á distribución

O documental realizado por Luis Avilés e César Souto sobre os pobos ourensáns anegados pola construción do encoro de Lindoso conta como éxito o seu paso polo 48º Festival Alcances de Cine Documental de Cádiz. A cinta Os días afogados foi recoñecida co Premio do Público e co Premio UPTOFEST á Distribución. Ademais o xurado fixo unha Mención Especial do filme galego producido desde a produtora monfortina Amanita Films por Iván Patiño. O documental fixo a súa estrea mundial na pasada edición de Cineuropa e estreouse en salas o pasado venres iniciando así o seu percorrido comercial mentres segue a participar en festivais, recollendo críticas moi positivas en todos os casos.

No Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu o palmarés deste ano distribuíuse de xeito acorde ao seu nome entre producións de moi diversa nacionalidade, resultando o filme croata Piknik, de Jure Pavlovic, gañador da Ánfora de Ouro, dotada con 2.500 euros. A Ánfora de Prata, que ascende a 1.000 euros, foi para a cinta austríaca Esel, de Rafael Haider. O Premio á Mellor Curtametraxe Galega, patrocinado pola Fundación Novas e dotado con 500 euros foi para Eco, do director Xacio Baño. O Premio do Público, dotado con 750 euros, foi para a película neocelandesa Madam Black. Cabe destacar do resto dos palmarés que o Premio ao Mellor Actor recaeu de xeito conxunto nos tres protagonistas do filme austríaco-xermano Die Badewanne, Simon Jaritz, Rainer Wöss e Stefan Pohl que encarnan a tres irmáns nesta historia.