O Instituto Cervantes amplía o seu labor de difusión do galego

A Xunta asinou un novo convenio de colaboración coa entidade

As setenta e seis sedes que o Instituto Cervantes posúe distribuídas por todo o mundo ofertarán actividades de promoción da lingua galega. O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez e o director desta entidade, Víctor García de la Concha, asinaban onte un convenio que renova por catro novo anos a colaboración entre as dúas institucións. Como novidade, o acordo contempla a posta en marcha de iniciativas coordinadas entre os centros Cervantes de Berlín, Lisboa, Roma, Varsovia, Río de Xaneiro e San Paulo e mais os leitorados de galego que existen en universidades destas cidades.

Ademais, e como xa viña sendo habitual, os centros Cervantes ofertarán cursos e incluirán na súa programación exposicións e actividades de divulgación da lingua e da cultura galegas. O financiamento deste programa irá a cargo da Consellaría de Cultura, que tamén prevé buscar accións de patrocinio e mecenado a cargo de empresas, principalmente galegas, para o apoiar.