A Feira de Teatro de Galicia centraliza a contratación de obras do país cun maratón anual de representacións

Teatro vendo, teatro vendendo

¿Onde podo ir se quero mercar teatro? Pois, como para tantas outras cousas, para mercar teatro en Galicia hai que ir á feira. Aínda que non ten romaría nin poxas, a Feira de Teatro de Galicia celébrase desde hai xa once anos en Compostela, concentrando nunha semana un auténtico maratón escénico no que as principais compañías do país tentan darlles saída ás súas produccións.



A Feira de Teatro de Galicia, organizada polo Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais, “é un mercado para ofertar productos e que os programadores os merquen, outra cousa é que se cumpran os obxectivos”, sinala Rubén García, director do encontro. Máis de cen programadores de todo o Estado achéganse estes días á capital galega para coñecer as propostas que xorden do noso país. “Hai programadores de toda a rede galega e de varias comunidades autónomas, e tamén distribuidores, que é o que máis interesa” sinala García. Os distribuidores “collen un espectáculo e fanlles xiras e búscanlles actuacións, é como se fosen representantes para a compañía”, mentres os programadores buscan actuacións concretas para os espacios de que se encargan. “No caso dos programadores galegos, practicamente todos están na Rede Galega de Teatros. Eles agora veñen á feira, ven os vintenove espectáculos que hai con base niso fan a programación do semestre e ao mellor mesmo do 2004”. Desde fóra veñen fundamentalmente distribuidores, sen que o idioma sexa un problema para eles, aínda que “a algúns cústalles porque se fosen espectáculos curtos non terían problema, pero son moitos espectáculos, aínda que ao segundo día ou ao terceiro xa lle van collendo o punto”. De calquera xeito, cada ano son máis as compañías que conseguen contratos a partir deste encontro, e saen con xiras máis fortes, “aínda que non tanto como quixeramos”, sinala o director. Como exemplo poderiamos sinalar que hai xa tres edicións houbo seis grupos que saíron do evento con contratos asinados, sen contar todos os contactos que se fixeron a posteriori.




Ver

Ademais dos programadores, a feira tamén conta coa participación dun nutrido público que pode coñecer en poucos días unha representación exhaustiva da escena galega do último ano. “En canto a público podemos falar de ata sete mil espectadores, hai espectáculos en que temos que pór o cartel de ‘non hai entradas’”, sinala Rubén. E non se pode esquecer a excelente ocasión que supón este encontro para permitirlle á xente do mundo do teatro entrar en contacto co traballo dos seus colegas. Os espectadores desta XI Edición poderán ver moitas estreas recentes e nalgunhas ocasións o final dunha xira. Na súa maioría, este ano os nosos grupos teatrais optaron por obras escritas ou adaptadas por autores galegos contemporáneos. Aínda que noutros anos o evento acollía estreas absolutas, “agora as compañías prefiren estrear antes, para non sumarlle á tensión da estrea a de estar a actuar diante dos programadores”.




Datos de once


O seis escenarios composteláns habituais (o do Salón Teatro, o do Teatro Principal, o da Sala Yago, o da Sala Galán, o da NASA e o da Aula Sociocultural de Caixa Galicia) acollerán entre o oito e o doce de abril nada menos que a representación de vinteoito obras de teatro. Outra obra máis percorrerá as rúas da cidade, a cargo da compañía Teatro Bruto, superando así as trinta horas de programación en cinco días, sen que se repita ningunha obra. Vintecinco das representacións estarán a cargo de compañías galegas, o que supón case a metade das compañías profesionais que existen no país. Outras catro irán a cargo dun grupo de Madrid, un de Euskadi, un andaluz e outro de Arxentina. Haberá espectáculos de monicreques, un monólogo, comedias, musicais e obras para nenos. As funcións irán a razón de entre cinco e sete por día, entre as once da mañá e a unha da madrugada. E todo aberto ao público xeral por só dous euros cada entrada.



Tendencias

Desta volta os organizadores prestaron unha especial atención aos espectáculos dirixidos aos máis pequenos, que contan con seis obras entre os que se inclúen, ademais de monicreques, unha montaxe de sombras chinesas e un espectáculo musical. “A min interésame moito o espectáculo infantil, polo que supón de ir gañando público. Ademais son dos espectáculos que teñen máis saída comercial, e este ano coincidiu que están a compañías de monicreques máis potentes deste país” sinala o director do encontro. A representación foránea é desta volta superior á doutras edicións, segundo Rubén porque “cada ano tentamos que veña algunha compañía máis de fóra”. Tamén bate records a cantidade de obras programadas. “Este ano é a feira máis ampla de todas, interesábame moito que se coñecese o máis posible do que se está a facer aquí, desde teatro de rúa a monólogos, clásicos ou textos de autor. Por iso metín vintecatro compañías galegas”, sinala o director. A orientación comercial non exclúe, segundo el, a calidade das obras. “A comercialidade non a busco, hai espectáculos que non semellan moi comerciais e están presentes e véndense”.



Expectativas



Actualmente, a Feira galega “pode equipararse á de Palma del Río ou á de San Sebastián, aínda que cada unha está especializada en cousas diferentes. Pero é importante, senón non virían os programadores acó, ese é un bo indicativo”, apunta o director. Non é unha mala posición para un evento con moita menor tradición que outros dos doce que integran a Coordinadora de Feiras do Teatro Español. A mellora, máis que en cantidade de espectáculos programados, vese “fundamentalmente a nivel de calidade, o número de espectáculos aumentou pero moderadamente” desde que naceu a feira. Para o director do evento é o teatro galego o que mellora de nivel ano a ano. Sen embargo, e a pesar do incremento de contratación que se dá con cada edición deste evento, os grupos do país “non poden vivir co que se lles contrata aquí, teñen que buscar a vida á parte da Rede Galega de Teatros e Auditorios por outros lugares”, lembra Rubén, e é que “hai máis de cincuenta compañías profesionais no país. En Galicia malvívese do teatro”.