Sesenta e tres proxectos reparten as axudas á tradución da Xunta

Rinoceronte Editora recibirá 50.510 dos 180.944 euros que se distribúen entre as editoras

O Diario Oficial de Galicia do pasado 8 de xullo publicou a resolución das axudas á tradución de obras desde e para o galego. En total, esta partida distribuíu 180.944 euros entre sesenta e tres proxectos presentados por dezaseis editoras, o que supón o dobre de propostas aceptadas a respecto do pasado ano, aínda que a partida manteña o mesmo orzamento. Das editoras é Rinoceronte a que conseguiu un maior apoio, con 50.510 euros para as súas dezaoito propostas. Séguea Small Stations Press, que traducirá sete obras de literatura galega cun apoio público de máis de 33.000 euros. Na listaxe de beneficiadas entra a recentemente constituída Novo Vinilo Edicións, que acada apoio para tres proxectos. Galaxia, con 14.693 euros, e Kalandraka, que obtén 12.739 son outras das editoras que máis fondos obteñen desta liña de axudas.

Entre as obras que verán a luz na nosa lingua mercé a estas subvencións, atópanse clásicos como Medea ou O gran Gatsby, que publicará Toxosoutos, O último día dun condenado de Victor Hugo, que editará Laiovento, ou Pippi Langstrump que Kalandraka traerá ao noso idioma. Como curiosidades, Small Stations Press levará Follas novas ao búlgaro, mentres a Fundación Uxío Novoneyra abordará a tradución de varios poemarios deste autor para o inglés.