A BD social protagoniza a nova edición de Viñetas desde o Atlántico

Chris Claremont, Cristina Bueno ou Juan Díaz Canales participan no encontro entre o 8 eo 14 de agosto

O Concello da Coruña acollía onte a presentación da vindeira edición de Viñetas desde o Atlántico, que se celebrará na cidade entre o 8 e o 14 de xuño. Cun cartel do autor español Keko, o encontro contará coa presenza de autores de renome como Chris Claremont, celebérrimo creador vencellado á serie X-Men, os españois Cristina Bueno e Nadar, o arxentino Jorge González ou o dúo que resucitou a Corto Maltés, formado por Rubén Pellejero e Juan Díaz Canales, autor este último que acaba de debutar tamén como autor en solitario. Exposicións, conferencias, sesións de sinaturas e actividades a cargo destes autores fan parte dun programa no que se manteñen as actividades da Rúa da BD.

Pola banda galega, cóntase coa presenza de creadores como Ramón Marcos e mais Kiko da Silva e Fernando Llorente, gañadores das últimas edicións dos Premios Castelao. Pola súa banda, unha exposición amosará as homenaxes que Miguelanxo Prado e David Rubín lle fixeron a Cervantes a coincidir co cuarto centenario da morte do autor. Segundo explicou Prado, director do evento, a nova xeira presenta unha "especial presenza do cómic social, outro dos temas interesantes do momento actual; obras que van máis alá que simplemente contar a vida cotiá e intentan meter o dedo e pousar a ollada sobre os problemas que todos coñecemos".