Ladrones de Tiempo encabeza o palmarés de Cans

Os veciños do Porriño seleccionaron Lurna como mellor curtametraxe

O XIII Festival de Cans fechaba onte coa entrega dos seus galaróns. O xurado formado por Dani de la Torre, Belén Constenla, Manuel Jabois, Helena Miquel, Nacho Castaño e Ana Cermeño outorgoulle a Ladrones de Tiempo, de Fran X. Rodríguez o premio á mellor curtametraxe de imaxe real "por tocar unha liña moi delicada contemporaneamente e complexa: a fraccionalidade do tempo. Por ter unha formulación orixinal e ambiciosa, cunha factura técnica intachable e unha mensaxe potente". Ademais dos 2.000 euros deste premio, o filme foi recoñecido tamén co galardón ao mellor guión, escrito por Marcos Nine.

Na categoría de curtametraxes de animación impúxose Viaje a Pies, de Khris Cembe, mentres os veciños, pola súa banda, seleccionaron Lurna como mellor curta, "por reflectir unha realidade social triste de algo que percibimos a diario como son os problemas de inmigración, por contalo e máis pola forma na que está contado". Canda a estes, Xosé Barato levou op remio ao mellor actor, Diaryatou Daff o de actriz e Juan Hervella-Rego o de mellor realización. Buscando a superfama de Heredeiros da Crus, dirixido por Olga Osorio, foi o mellor videoclip, mentres o premio da Can Parade foi para Isis Rodríguez.

Resumo do palmarés de Cans

• Premio do xurado á mellor curtametraxe de imaxe real: Ladrones de Tiempo, de Fran X. Rodríguez.
• Premio do xurado á mellor curtametraxe de animación: Viaje a Pies, de Khris Cembe.
• Premio especial do xurado dos veciños á mellor curtametraxe: Lurna.
• Premio do xurado á mellor actriz: Diaryatou Daff por Lurna.
• Premio do xurado á mellor actor: Xosé Barato por A liña política.
• Premio CREA do xurado á mellor realización: Juan Hervella-Rego por Share o no share.
• Premio AGAG do xurado ao mellor guión: Marcos Nine por Ladrones de Tiempo..
• Premio do xurado á mellor banda sonora orixinal: Manu Conde por Lurna.
• Premio do público á mellor curtametraxe: Ladrones de Tiempo, de Fran X. Rodríguez.
• Premio do xurado a mellor videoclip: “Buscando a superfama” de Heredeiros da Crus, dirixido por Olga Osorio.
• Mención especial do xurado ao videoclip “El último esfuerzo” de Manos de Topo, dirixido por Alejandro Marzoa
• Premio do público a mellor videoclip: Whith my hands” de Furious Monkey e dirixido por Violeta Mosquera.
• Premio da Can Parade: Isis Rodríguez.