A Fundación Seoane cumpre 20 anos a dialogar

Inaugurou onte Luis Seoane. Retrato de esguello e Carlos Maside - Luis Seoane. Aquel abrazo

Luis Seoane. <i>O meco</i>, 1963
Luis Seoane. O meco, 1963
Leva dúas décadas a reivindicar a vixencia da figura de Luís Seoane, e conmemórao cunha dupla mostra. A Fundación Seoane abría onte na súa sede da Coruña Luis Seoane. Retrato de esguello e Carlos Maside - Luis Seoane. Aquel abrazo. A primeira das exposicións, producida en colaboración do MARCO de Vigo, pretende achegar unha completa retrospectiva deste artista, e faino a través de máis de dúascentas obras "entre pinturas, gravados, augadas, tapices, carteis publicitarios, bosquexos murais, deseños cerámicos e publicacións" que repasan os máis de 50 anos de traxectoria do crador. A exposición, que xa se puido ver no museo vigués, percorreu en distintas versións a Fundación Eugenio Granell de Santiago de Compostela e a Rede Museística Provincial de Lugo.

Pola súa banda, Carlos Maside - Luis Seoane. Aquel abrazo pretende ser "un diálogo entre os dous primeiros artistas totais da arte galega contemporánea a partir da relación epistolar que ambos estableceron ao longo dunha década, e tamén como un estudo da pegada de Maside na obra de Seoane", segundo explica a Fundación. Este proxecto, que se desenvolveu coa colaboración co Concello de Santiago "abrirá unha vía de investigación a través dunha mostra que servirá para difundir a obra dun dos grandes artistas da primeira vangarda en Galicia, Carlos Maside". Retrato de esguello, comisariada por David Barro, estará aberta ata o vindeiro 25 de setembro, mentres Aquel abrazo, que foi coordinada por Carmela Montero, estará aberta ata o 28 de agosto.