Sinsalaudio, o colectivo Flexo e a Facultade de Belas Artes poñen en marcha a II edición dun Ifi máis ambicioso

Ifi en movemento

A arte, a videocreación, a experimentación sonora e a creatividade teñen unha cita en Pontevedra. Hoxe abre as súas portas IFI2003 un encontro sonoro e artístico que este ano xira arredor da idea do movemento. Durante tres días conferencias, exposicións, perfomances e concertos procurarán non deixarte indiferente. ¡Achégate!

A idea de crear un festival que aglutine as novas tendencias en arte e son non é novo en España. O Sónar e o Zeppelin en Barcelona, o Observatory en Valencia... hai outras referencias coas que este festival, pioneiro na escena galega, garda similitudes e diferencias. “Similitudes polo tema da arte, da idea de festival no que participe o público e se intente modificar a idea da exposición, de diferentes tipo de actividades. E diferencia que é menos ambiciosa en canto a que achega moito ao público e é mais selectiva porque non podemos traer tantas cousas e temos que seleccionar o que consideramos as cousas máis interesantes”. Así de claro fala Horacio González, secretario da delegación de alumnos da Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Un dos vértices do triángulo que levantou o festival o ano pasado. Os outros dous ángulos son o colectivo, selo editorial, productora, tenda de discos Sinsal e, Colectivo Flexo os innovadores da vídeocreación en Galicia. Cada un dos organizadores son expertos nas últimas novidades do seu campo de traballo (arte, son e vídeo), unha sincronización que lle dá a IFI unha vocación heteroxénea. Horacio incide neste punto “hai outros festivais que teñen unha orientación diferente e que ten outra orientación máis disciplinar. Nós ampliámolo e está aberto a que calquera persoa que queira participar poida facelo”.



Declaración de intencións


Nesa vocación multidisciplinar guiada polos tres colectivos, o IFI naceu o ano pasado pola necesidade de crear en Galicia unha escena que non existía. Como un espacio de difusión de novas expresións como o son o vídeo e a perfomance, a acción web ou a música experimental á marxe de todo convencionalismo. O ano pasado houbo ese momento propicio para aparecer, “un remanente de cartos e moitas propostas de actividades da delegación, afirma Horacio, e se fixo unha proposta de festival no que houbera arte sonora, música e acción”. O proxecto piloto gustou e este ano o Festival aumentou. Pasou a ter case uns catro millóns de orzamento, de un foise a tres días con novos proxectos, exposicións e proxectos.



Pero o IFI segue a ser un festival universitario, e como tal, non pode esquecer nin a súa base teórica nin un compoñente formativo. Por iso, o Ifi2003 ten tamén obradoiros, conferencias e xa non só iso, a través da web ofrecéselle aos interesados o material para que a xente se achegue a el, poida coñecer o porqué das propostas que se fan, o seu marco histórico e conceptual. En resumidas contas, as bases para que o usuario poida debater sobre elas e mesmo aprender as ferramentas coas que cada artista desenvolveu o seu traballo.



Parte vivencial

A parte que os creadores do Ifi chaman vivencial é aquela que conforma o programa que durante dous días encherá a facultade de belas artes e o pazo da cultura pontevedrés. Está composto por catro partes principais. A primeira, eventos sonoros coordinado polo colectivo Sinsal é a que pretende achegar o máis innovador e experimental da arte sonora ó máis estilo Zeppelin catalán. Tomando o relevo do pioneiro Lost In Sound que se celebrou hai anos no CGAC ofrecerán propostas musicais alternativas. Neste campo cómpre destacar a C.D.A.A (Cámara de Atención Auditiva), un atípico concerto na escuridade total para que o espectador goce do espectáculo unicamente polo seu oído.
Unha segunda parte do programa está composta polo que chaman as “Accións”: Un apartado coordinado polo Colectivo Flexo que son un grupo de ex-alumnos da facultade que está vencellado á performance. Con “Accións” levan a Pontevedra unha selección de traballos nacionais e internacionais relacionados coas performances e as accións e que emulan as prácticas realizadas en festivais como o Event de Barcelona ou o Situacións de Cuenca. O colectivo flexo coordina tamén o terceiro piar do programa que se centra nunha exposición aberta a todos os que queiran participar pero coa consigna de que sexa arte interpetativa, que faga partícipe ao público.

Por último, o IFI non descoidou á facultade, por iso ten un espacio tamén que serve de escaparate do que se desenvolve na facultade sen distinguir os soportes.




Provocar

Se o ano pasado a idea central era o sonido e os soportes, este ano do que pretenden falar é do concepto do movemento. Plantexado desde un punto de vista teórico e práctico pero, por encima de todo, provocador. “Falabamos, afirma Horacio, da idea de provocar, de crear un cambio no espectador, de cambiar a relación entre o espectador e a obra que non fose tan pasiva, que nos entendiamos dun xeito máis activo...” . E así o fixeron pensando diferentes espectáculos para conectar aos públicos, aos artistas de diferentes disciplinas nun espectáculo máis participativo. Conéctate no IFI.