Zoar debuta con No vento

O quinteto explora compositores galegos de todas as épocas no seu primeiro traballo

Logo de seis anos de actividade ao vivo e de proxectos conxuntos con diferentes compositores e artistas do país, como Elementa! ou Windbox, o quinteto de vento Zoar acaba de presentar o seu primeiro disco. Ouvirmos edita No vento, un álbum no que a formación se centra en compositores galegos, desde Martín Codax a Milladoiro, pasados polos arranxos de Xoán Durán "a través da sonoridade do quinteto de vento clásico, tan cheo de suxestións tímbricas coma de percepcións sinestésicas", segundo explican. Un total de dezasete pezas abranguen desde a música popular aos compositores do Rexurdimento e cobran vida da man e dos pulmóns de Álex Salgueiro, Antonio Suárez, David Villa, Benxa Iglesias e Joan Ibáñez, que continúan co seu proxecto de fusión e de encontros musicais.