Arrinca a conmemoración das Irmandades da Fala

Hoxe presentouse o programa de actos e accións

Moitas das institucións e entidades da cultura galega presentaron hoxe á mañá o programa de actividades da conmemoración das Irmandades da Fala. Nun acto conxunto participaron o Consello da Cultura Galega, o Museo do Pobo galego, o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega, as Deputacións da Coruña e Pontevedra, a Fundación Alexandre Bóveda, a Fundación Vicente Risco, a Fundación Antón Losada Diéguez, a Fundación Penzol e a Asociación de Prensa da Coruña.

Exposicións
O acto inicial da programación será un acto de carácter cívico e literario-musical, que se celebrará na cidade da Coruña o 18 de maio para conmemorar a fundación das Irmandades.
Dous días despois, o 20 de maio, comezará a itinerar a mostra ‘Centenario das Irmandades da Fala’, organizada pola Deputación da Coruña, a Real Academia Galega e o Museo do Pobo Galego para difundir entre a cidadanía o labor deste colectivo a través de materiais audiovisuais, música, documentos orixinais, publicacións e unha selección de obras de arte e obxectos singulares que constrúen un completo relato da dimensión das Irmandades da Fala.
A mostra, que botará a andar en maio na sede da Fundación Barrié da Coruña, visitará, nunha primeira xeira, grazas á colaboración das catro deputacións provinciais, as sete cidades galegas para logo percorrer outros concellos da provincia da Coruña, nunha itinerancia que se alongará ata maio de 2017.

Xa no outono o Arquivo Histórico Provincial de Ourense, dependente da Consellería de Cultura e Educación, acollerá unha exposición panorámica da memoria documental e bibliográfica do galeguismo ourensán que permitirá ao visitante achegarse aos momentos e persoas protagonistas dos inicios das Irmandades, singularmente, Lamas Carvajal, Curros Enríquez, Risco, Otero Pedrayo e Xaquín Lorenzo. A apertura da mostra está prevista para o mes de outubro.

Pola súa banda o Consello da Cultura Galega prepara dúas exposicións que, ao igual que boa parte das actividades que organiza no marco deste centenario, se prolongarán ata o 2018, en consonancia coa expansión que as Irmandades da Fala protagonizaron entre 1916 e 1918.
A primeira delas está prevista para o ano próximo e, baixo o título de ‘As Sociedades corais nos tempos das irmandades da fala’, revisará este período a través das sociedades corais que impulsaron e promoveron para a normalización da lingua e a cultura de Galicia centrándose, principalmente, nos catro coros históricos que manteñen a súa actividade artística: a Coral de Ruada (Ourense), Cántigas da Terra (A Coruña), Cantigas e Agarimos (Santiago) e o coro Toxos e Froles (Ferrol).

Xa no 2018, e coincidindo co 70.º aniversario do célebre discurso político de Alfonso Castelao coñecido como “Alba de Gloria”, organizarase unha mostra de achegamento ás 64 personalidades que Castelao cita nesa alocución como as grandes figuras da historia de Galicia.

As Irmandades nas bibliotecas públicas

Como vén sendo habitual neste tipo de conmemoración, as bibliotecas públicas de xestión autonómica súmanse á celebración do centenario das Irmandades. Deste xeito, as bibliotecas de Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo realizarán nos seus centros mostras de publicacións sobre as Irmandades da Fala procedentes dos seus fondos bibliográficos e documentais ao longo de todo o ano 2016.

Novas tecnoloxías e audiovisuais
A Consellería prepara unha ampla actividade no eido das novas tecnoloxías e o audiovisual para conmemorar o centenario. Así, a Biblioteca de Galicia creará un novo micrositio en Galiciana no que se mostrarán, dixitalizadas, as publicacións históricas realizadas polas Irmandades da Fala (manifestos, revistas, panfletos etc.), que se fará público en maio, con motivo da celebración do centenario da súa fundación.

Ademais, a Secretaría Xeral de Cultura daralles difusión, a través das redes sociais e boletíns informativos, ao conxunto das actividades programadas polas institucións con motivo da celebración do centenario; mentres que a Rede de Dinamización Lingüística, coordinada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Educación, e integrada por 170 concellos de Galicia, realizará ao longo do ano unha serie de accións conxuntas para a difusión social das Irmandades nos medios dixitais.

Así mesmo o Centro Galego de Artes da Imaxe dependente da Agadic promove a proxección da curtametraxe recuperada de José Gil 'Miss Ledyia' (1916).

Pola súa parte o Consello da Cultura Galega albergará ao longo do 2016 un espazo web dedicado a esta organización, así como outro destinado a recoller as biografías dos seus principais protagonistas; mentres que a Real Academia Galega porá a disposición pública na rede, a través do seu espazo web, materiais do seu arquivo relacionados coas Irmandades da Fala, os seus principais persoeiros e as súas actividades.

Actividade académica e publicacións
Os cen anos da fundación das Irmandades serán a oportunidade para que o Consello da Cultura Galega celebre tres seminarios arredor deste colectivo. O primeiro deles, ‘As nacionalidades na Europa de entreguerras: de imperios a nacións: o contexto internacional das Irmandades da Fala’, analizará o seu papel en clave europea de forma conxunto co estudo das nacionalidades da época de entreguerras. Para o ano está previsto o desenvolvemento do seminario 'Cultura e política na España do primeiro terzo do século XX: nacionalismos culturais e políticos, o exemplo das Irmandades da Fala', co que se pretende afondar na cultura e na política deste período; mentres que no 2018 'Galicia-América, unha viaxe de ida e volta: Ecos das Irmandades da Fala fóra de Galicia' pechará o ciclo cunha análise da relación do colectivo co movemento migratorio.

No que atinxe ás publicación, a Real Academia Galega prepara a edición de catro antoloxías que verán a luz no segundo semestre do ano, estruturadas por xéneros: ensaio e oratoria, teatro, narrativa e poesía; así como dos relatorios que se presentarán no ciclo de mesas de debate 'No tempo das Irmandades fala, escrita e prelos'. A Consellería de Cultura e Educación colaborará na edición desta publicación.

Así mesmo a Asociación de Prensa da Coruña recuperará a vertente xornalística do labor dalgúns dos fundadores desta organización, como Manuel Lugrís Freire, Florencio Vaamonde Lores, Uxío Carré Aldao, Luis Porteiro Garea, Francisco Tettamancy e, principalmente, Antón Vilar Ponte, todos eles asistentes á asemblea fundacional do 18 de maio celebrada na Coruña e tamén participantes das distintas directivas da Asociación de Prensa da Coruña. Esta edición contará tamén co apoio económico da Consellería de Cultura e Educación.