Rafael Quintía gaña o Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais

O investigador presentou un traballo sobre o mito das mouras

O antropólogo e escritor Rafael Quintía impúxose no XX Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais co súa obra Análise estrutural e simbólica do mito da moura galega. O libro, que lle valeu 4.500 euros de premio e que será publicado pola editorial Sotelo Blanco, fai unha análise "sobre o valor simbólico da Moura como herdeira das deidades femininas arcaicas, con posibilidade de retrotraelas a tempos prehistóricos, mesmo ó neolítico". A acta do xurado destaca tamén que a obra "ten o valor especial de desligalo do concepto amplo mourosm para chegar á cerna arcaica das deusas da terra e a súa transformación despois da cristianización, en diversas manifestacións da Virxe".


O xurado do galardón estivo composto por Fernando Acuña Castroviejo en representación do Concello de Castro Caldelas, Antonio Blanco Rodríguez e mais Xosé María Eguileta Franco en representación da Fundación Vicente Risco, Humberto Miguel dos Santos Martins e mais Timothy Leonard Koehnen en representación da CETRAD da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (UTAD) e Francisco Fernández Rei en representación da Fundación Sotelo Blanco. Teresa Devesa Graña, representante do Concello de Allaríz, delegou a súa función en Antonio Blanco Rodríguez.