Os equipos de normalización rexeitan o Premio da Cultura

O Gaiás acolleu onte o acto de entrega dos galardóns

A lingua tivo un especial protagonismo no acto de entrega dos Premios da Cultura Galega que se celebrou onte na Cidade da Cultura, en Compostela. A Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística emitía pola mañá un comunicado no que anunciaba a súa renuncia ao premio que lle fora outorgado polo seu labor a prol do no idioma. Segundo sinalaba esta entidade sobre esta decisión, "consideramos unha incongruencia aceptalo de mans dun Goberno que ten actuado, por obra ou omisión, en contra de todos os principios que defendemos a prol dunha normalización efectiva da lingua galega". Ao tempo, a escritora Fina Casalderrey, que estivo representada no acto por Dolores Vilavedra, reclamoulle á Xunta que aplique o Plan de Normalización Lingüística. Desde a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial tamén houbo solicitudes á Xunta para que apoie este patrimonio, mentres a actriz María Bouzas aproveitou o foro para reivindicar unha baixada do IVE Cultural. O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, quixo lembrar no acto as figuras de Filgueira Valverde e de Neira Vilas.