
Os galardóns entregaranse na nova Gala do Libro Galego, que se celebrará cada ano na semana anterior ao Día das Letras, a coincidir a primeira o vindeiro 16 de maio. A nova convotacoria contempla as categorías de obra de ensaio, obra de narrativa, obra infantil e xuvenil, libro ilustrado, iniciativa bibliográfica, obra traducida, libro de poesía, libro de teatro, iniciativa cultural ou fomento da lectura, proxecto literario na rede, xornalismo cultural, escritor galego universal, premio honorífico á libraría e premio honorífico á editora. Os premios non teñen dotación económica.
Un xurado de sete persoas, tres delegados dos coletivos convocantes e catro profesionais da cultura, seleccionará entre cinco finalistas por categoría, que á súa vez sairán da votación dos membros das tres organizacións convocantes. A excepción son os galardóns ao escritor galego universal, que será concedido pola directiva da AELG, o honorífico á libraría que escollerá a directiva da Federación de Librarías e o honorífico á editora, que outorgará a directiva da AGE.
Na presentación da gala Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, lembrou as reivindicacións do sector representado por estes colectivos, que inclúen a creación do Instituto Rosalía de Castro, o desenvolvemento de plans anuais de lectura, a recuperación do peso político e orzamentario da Consellaría de Cultura e mais a implicación efectiva da Consellaría de Industria no apoio ao libro e ás letras. Sánchez explicou tamén que a Asociación de Escritores manterá os seus premio Letra E e Mestres da Memoria.