Fernando Llorente faise co X Premio Castelao de Banda Deseñada

A súa obra A carreta do diaño reportaralle 6.500 euros

Bosquexos de <i>A carreta do diaño</i>
Bosquexos de A carreta do diaño
A carreta do diaño é o título da obra coa que o ilustrador canario Fernando Llorente, afincado desde hai anos na Coruña, se impuxo no X Premio Castelao de Banda Deseñada. A obra, dunhas 160 páxinas en branco e negro mantén, segundo apunta o autor "un tono humorístico" e tenta xogar, a nivel gráfico, cos grises. O xurado, composto por Miguelanxo Prado, Ana Miralles e Keko Godoy co responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, como presidente, destacou deste traballo a "madurez tanto gráfica como do guión, cunha unidade de estilo perfectamente axustada á historia que conta". Do mesmo xeito, apuntou o "fino e ocorrente sentido do humor a través de situacións e diálogos divertidos, solidamente estruturados e planificados e cuns personaxes moi eficaces e ben definidos". O galardón, que inclúe a edición da obra por parte da Deputación está dotado con 6.500 euros en metálico.

Esta é a primeira obra monográfica de banda deseñada que o autor publicará. Llorente, que fai parte do coruñés Estudio Baobab, centrou ata o de agora o seu traballo na ilustración, especialmente orientada ao mundo editorial. Ademais, ten tamén unha importante experiencia na animación que, segundo asegura "axuda moito na cuestión narrativa". O autor asegura que lle gustaría poder continuar co seu traballo no campo da banda deseñada de cara ao futuro, aínda que recoñece que "é difícil" vivir desta arte.