Tres destacados autores galegos -todos eles moi novos- acaban de ser galardoados nos Certames de Cultura do INJUVE.

Galicia conquista o INJUVE

Jano (Alejandro Viñuela), Alberto Vázquez e Kiko da Silva: Tres destacados autores galegos -todos eles moi novos- acaban de ser galardoados nos Certames de Cultura do INJUVE (Instituto da Xuventude) na modalidade de cómic e ilustración 2002.

Tres destacados autores galegos -todos eles moi novos- acaban de ser galardoados nos Certames de Cultura do INJUVE (Instituto da Xuventude) na modalidade de cómic e ilustración 2002. Trátase de Jano (Alejandro Viñuela), Alberto Vázquez e Kiko da Silva.



Jano (A Coruña, 1979) recibiu un dos catro primeiros premios, dotados cada un coa contía de tres mil euros (medio millón de pesetas). Alberto Vázquez (A Coruña, 1980) e Kiko da Silva (A Coruña, 1979) gañaron cadanseu accésit co importe de 600 euros.



Os traballos polos que Jano foi merecedor deste prestixioso galardón inclúen "Trayecto" e "Zoom in" (ambos publicados no fanzine "Sintoteca" nº2), ademais dunha versión primeiriza de "Patricia" (que publicará Polaqia en agosto de 2002).



Kiko da Silva, coñecido debuxante e ilustrador de "La Voz de Galicia" entre outros moitos medios, presentou ó certame a serie "Os Biosbardos" (publicada na revista "Golfiño"), e mais as súas ilustracións para os libros de Kalandraka "A memoria das árbores" e "Moncho e a mancha".



Pola súa banda Alberto Vázquez presentou "Alter Ego" (Polaqia, agosto de 2002) xunto con outros traballos máis breves do último ano. Con este premio, o novo debuxante coruñés continúa unha fulgurante carreira de éxitos ó acadar o seu octavo galardón en pouco máis de ano e medio de traballo no mundo da Banda Deseñada. Os certames nos que recibiu premio foron Madrid, Alicante, Ourense, Valencia, BD Banda/Culturagalega.org, BD Banda/Concello de Pontevedra, 3º premio no INJUVE 2001 e accésit no INJUVE 2002.