Basilio Losada é galardoado co XIV Premio Ramón Piñeiro "Facer país"

A Asociación Cultural Val de Láncara entregará o galardón na segunda metade de outubro

O traballo do profesor, tradutor e crítico literario lancarés Basilio Losada foi recoñecido co premio Ramón Piñeiro "Facer país". A Asociación Cultural Val de Láncara, que convoca este certame en colaboración con diferentes asociación e entidades da comarca de Sarria e do Corgo, daba a coñecer esta mañá o resultado da XIV edición deste galardón na sede do Consello da Cultura Galega en Compostela. O premio non ten dotación económica e que recoñece "a traxectoria de persoas e entidades que contribúen a preservar a identidade do pobo galego defendendo a súa lingua e cultura". A entrega celebrarase na segunda metade do outubro, nunha xornada na que se reúnen representantes do mundo cultural galego cos veciños da zona do Val de Láncara.