Comeza o X Ciclo Escritoras/es na Universidade

A AELG presentou tamén a VIII Xornada de Literatura de Tradición Oral centrada no sexo

30/9/2015 | Santiago. Redacción | Seccións: literatura
36 lecturas | Compartido 0 veces

Rosa Enríquez e Teresa Moure inauguran mañá, 1 de outubro, o X Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade, que se celebra este ano co lema Afinidades electivas?. O Salón de actos da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo acolle este primeiro encontro, centrado na poesía. Seguirán outras dúas sesións, desta volta no Charenton Club Cultura, unha delas o día 9 de outubro na que Juan Tallón e Manuel Darriba debaterán sobre narrativa, e a terceira o día 16 con Clara Gayo e Marta Pérez e o teatro como protagonista.
O anuncio desta actividade da Asociación de Escritores en Lingua Galega coincidiu coa presentación do novo web deste colectivo, que tamén daba a coñecer outra das súas actividades tradicionais. O Salón de Actos da Biblioteca Pública de Lugo acollerá o vindeiro 24 de outubro a VIII Xornada de Literatura de Tradición Oral, que se centrará nesta ocasión sobre Sexo e obscenidade na literatura de tradición oral. Arquetipos sexistas, poética do noxo, contos eróticos, prexuízos e tabús abordaranse da man de especialistas como Xosé Miranda, Olga Novo ou Rubén Aramburu entre outros.

Universo culturagalega.gal

Universo

Explora o Universo

Pincha para ampliar esta historia
no seu contexto cultural galego