Chega a VIª edición do Salón do Cómic de Cangas Do luns 15 ó domingo 21 de xullo de 2002 celébrase no Auditorio Municipal de Cangas a VIª edición do Salón do Cómic

Citados en Cangas

Do luns 15 ó domingo 21 de xullo de 2002 celébrase no Auditorio Municipal de Cangas a VIª edición do Salón do Cómic da localidade pontevedresa. Os autores convidados nesta ocasión son Xaquín Marín, Javi Rodríguez, Mauro Entrialgo e Carlos Ezquerra.

Os autores e exposicións



Carlos Ezquerra, autor de orixe española (Zaragoza, 1947) cumpre agora o seu trinta aniversario como profesional da BD para o mercado británico. Coñecido como creador gráfico do mítico personaxe Xuiz Dredd, o seu nome asóciase á editora Fleetway case en exclusiva -colaborando con cabeceiras históricas como a revista 2000AD-, aínda que tamén ten traballado para outros selos como DC Comics, co seu personaxe Bloody Mary.



En Cangas poderanse ver orixinais de Ezquerra dos títulos "Rifle Brigade", "Pilgrim" e "Roadhouse S.D."



Xaquín Marín (Ferrol, 1943) é un dos máis populares humoristas gráficos galegos de toda a historia. Con 15 libros e máis de 300 exposicións ás súas costas, ten recibido numerosos recoñecementos ó seu traballo. Ademais de obra e premios, é coñecido como fundador e director do Museo do Humor de Fene (1984).



Xaquín Marín expón en Cangas páxinas de "O Emigrante", "OVNI", entre outros títulos, ademáis de tiras de "Gaspariño" e "Palleiro" (publicado na revista Golfiño).



Mauro Entrialgo (Vitoria-Gasteiz, 1965) caracterízase polo seu labor de cronista humorístico da xuventude española actual. Combinando a apoloxía e a parodia da cultura pop, Entrialgo leva desde 1982 colaborando en infinidade de publicacións, desde xornais como El País ou Diario Vasco, ata revistas de BD como El Víbora ou Makoki, incluindo publicacións de humor (El Jueves, TMEO).



Os orixinais de Entrialgo en Cangas corresponden a "El Demonio Rojo", "Drugos", "Herminio Bolaextra" e "Ángel Sefija".



Javi Rodríguez (Oviedo, 1972) procede da escena independente e da autopublicación, traballando en asturiano e en castelán. Acadou renome coa súa colección "Love Gun" e despois con series como "Paraíso" e "Tenebro" para a revista El Víbora. Na actualidade prepara un álbume para Glénat.



As pranchas orixinais de Javi Rodríguez que se poderán ver en Cangas proceden de diversos traballos para El Víbora, ademais de páxinas inéditas.



O programa completo



Alén das exposicións, hai proxeccións de películas, sesións de caricaturas, obradoiros de cómics, charlas-coloquio e sesións de sinaturas por parte dos autores convidados.