Teatro do Morcego estrea o seu Presidente en Narón

Abre o vindeiro venres a programación do Pazo da Cultura

A historia dun presidente de goberno que, coas enquisas en contra, visita varias familias para tentar conseguir o seu voto. Esta é a proposta argumental da nova montaxe de Teatro do Morcego, que bota a andar o vindeiro venres a programación de outono do Pazo da Cultura de Narón. A obra, escrita e dirixida por Xosé Luís Prieto, está protagonizada por Celso Parada e conta tamén con Merce Castro, César Goldi, Iolanda Muíños e Federico Pérez. A estrea está prevista para este venres ás 20:30, cun segundo pase sábado as 20 horas.

O Pazo da Cultura adiantou tamén o seu programa ata o vindeiro mes de decembro. Entre outras propostas, visitarán o escenario Redrum Teatro co seu Noiteboa, Teatro do Atlántico con O principio de Arquímedes, Ilmaquinario teatro, Chévere, Susana Seivane ou Leilía.