Falece Maruxa Fernández, viúva de Luís Seoane e unha das máis firmes valedoras da obra do seu home

O exilio final de Maruxa Seoane

Morreu agardando maio. Na cama do hospital e durante a súa última tarde, Maruxa Fernández insistía en que quería vivir para ver a inauguración da nova sede da Fundación Luís Seoane, un proxecto en que viña traballando nos últimos anos. Ademais de compañeira do pintor, Maruxa Fernández desenvolveu un intensísimo labor a prol da difusión da obra do seu home, e relacionouse con todo o mundo da cultura galega do último medio século.



Maruxa Elvira Fernández López, nacida en 1912, iniciou o seu noivado co seu curmán Luís Seoane pouco antes da Guerra Civil, aínda que xa desde moi nenos escribíanse cartas. Cando o pintor se exiliou en Bos Aires, celebraron a distancia un casamento por poderes (obrigados pola nai de Maruxa), antes de que ela se embarcase cara a Arxentina seguindo os pasos do seu namorado. Alá realizaron un novo casamento, xa presencial, para que ela puidese entrar no país e iniciaron unha vida en común en que a arte e a militancia galeguista estaba intimamente unidas. A súa presencia ao carón do pintor fixo que Maruxa coñecese toda a intelectualidade da época e que presenciase e colaborase nalgunhas das principais iniciativas da cultura galega no exilio, coma o Laboratorio de Formas de Galicia, a editorial Citania, o programa radiofónico “Galicia Emigrante” ou Sargadelos, entre moitas outras.



Axuda á creación

Desde 1963 a vida do matrimonio desenvolveuse ás dúas beiras do Atlántico, alternando estadías en Galicia en Bos Aires. Sería no noso país onde sorprendería a morte ao pintor en 1979. A partir de entón Maruxa pasou a ocupar un primeiro plano por dereito propio. Incansable, organizou abondosas exposicións tanto en Galicia como en Bos Aires ou noutros países. Ademais, coordinou a doazón de obras do seu home a unha grande cantidade de museos, tanto en Arxentina como en Galicia e participou en numerosos actos culturais contando co respecto e o apoio da intelectualidade galeguista do país. Xa desde antes, Maruxa colaboraba directamente nas tarefas de creación artística do seu home, encargándose persoalmente de adquirir o material e de montar os lenzos para os cadros e mesmo pulía as madeiras para as esculturas que realizaba o pintor. Todo isto sendo perfectamente consciente das súas concepcións artísticas e da importancia que o seu traballo tiña para o país.




Escribir

Ademais de colaborar no traballo do seu home, Maruxa foi tamén responsable dunha traducción ao castelán do libro “Catalina de Houlihan. Folk-Drama por W.B. Yeats”, e realizou unha páxina semanal entre 1954 e 1958 na revista “Galicia emigrante”. Tamén escribiu abondosos artigos e recensións sobre a obra do seu home e participou na edición de obras sobre el realizando prólogos ou mesmo no deseño das capas, como é o caso da edición póstuma de “O irlandés astrólogo”. O seu último traballo neste sentido foi preparar unha edición anotada do ensaio “Anotaciones sobre la creación artística”.








A fundación


O seu empeño por crear unha fundación que recollese e difundise o traballo do seu home viuse cumprido en 1996, cando asinou un convenio co Concello da Coruña polo que este organismo se comprometía a apoiar a institución e ela cedía un legado de douscentos óleos e a totalidade da obra gráfica deste artista internacional, a canda libros, documentos e obxectos persoais de Seoane. Desde entón, o empeño de Maruxa, convertida xa en presidenta da Fundación, era a construcción dunha sede axeitada para a entidade, xa que o local provisional que ocupaba na rúa Durán Loriga non daba para albergar a obra do autor. Diversos problemas foron adiando a posta en marcha deste novo edificio. As dificultades foron moitas, e segundo ela mesma contaba, “díxenlles aos do concello que ía tomar un veleno, que tirasen as miñas cinzas e puxesen enriba, dunha vez, a primeira pedra da Fundación Luís Seoane”.



O novo centro

Finalmente, foi en xaneiro do 2002 cando se puxo en marcha a primeira pedra do novo centro. O antigo cartel de Macanaz na Coruña está desde entón sufrindo abondosas obras de rehabilitación que darán nunha área e exposición permanente de seiscentos metros cadrados que collerán cen lenzos, cincuenta gravados e outros tantos debuxos. Ademais, haberá unha sala de douscentos cincuenta metros cadrados máis dispoñibles para exposicións temporais, unha sala de proxeccións e unha biblioteca que acollerá máis de quince mil volumes entre os que estarán os máis de tres mil libros da colección do artista. A inauguración, prevista para maio, era a maior ilusión da falecida.





A última mostra


A comezos do ano 2003 Maruxa volvía estar de actualidade ao inaugurarse unha mostra na súa honra que recollía a colección de acuarelas de Seoane, corenta lenzos que a propia viúva se encargou de enmarcar e preparar, como a mellor coñecedora da obra do seu home, antes de doalas. Coincidía esta mostra co aniversario da homenaxeada, que facía noventa e un anos manifestando o seu desexo de participar nas mobilizacións convocadas pola plataformas Nunca Máis e Contra a Burla Negra na praia do Orzán.



Primeiras reaccións

A recente morte de Maruxa Fernández provocou xa as primeiras reaccións no mundo cultural galego, e moitos dos seus membros achegáronse ó tanatorio onde ten lugar o velorio. Entre outros, Isaac Díaz Pardo, vello amigo do matrimonio, lembraba que “foi a compañeira ideal e tivo un mérito excepcional, porque o seguiu a todas partes. Ela atendeu aos seus amigos de forma excepcional, tanto que moitos amigos de Bos Aires facían bromas con que parte do éxito de Luís Seoane se debía ás tortillas de Maruxa”. Pola súa banda, Alberto González-Alegre, director da fundación, lembrou que o traballo de Maruxa “foi crucial para que se constituíse a fundación” e pensa que “chegou ao final con moita alegría, por ver que a figura do seu home crece cada vez máis”. Rafael Squirru, no seu libro “ Luis Seoane. (Estudio crítico-biográfico)” sinalaba xa que o de Seoane e Maruxa “é un deses raros casos nos que home e muller alcanzan a formar un todo”. Un todo que agora se volve unir.