Comezan as Xociviga no Carballiño

O Cineclube Carballiño volta a se encargar da xestión do veterano encontro

Hai xa trinta e dous anos que o Carballiño acolle as Xornadas de Cine e Vídeo de Galicia. A nova edición comeza hoxe mesmo, cun programa que inclúe oito producións internacionais, catro documentais galegos e tres filmes para os máis novos. Ademais, poderán coñecerse os proxectos Cine en Curso, os traballos dos alumnos das Escolas de Imaxe e Son e o festival audiovisual Olloboi, organizado por docentes de todo o país. Os creadores Marcos Nine, Luis Avilés, Manuel Iglesias Nanín, Marta F. Alberte, María e Marcos Hervera, Alfonso Zarauza e Pablo Ces participarán no encontro a presentar os seus últimos traballos.



Nesta xeira, as xornadas voltan contar co traballo do Cineclube Carballiño na organización, logo de varios anos en que o Concello asumira esta reponsabilidade. No apartado dos galardóns, os organizadores acordaron concederlle a Xociviga de Honra á actriz Rosa Álvarez e a insignia de ouro Xosé Enrique Acuña en recoñecemento á súa colaboración co evento.