David Rubín gaña por segunda vez o primeiro premio do concurso de BD de Ourense.

Play it again, Rubín

David Rubín, debuxante ourensán coñecido pola serie "Os Kinkilláns" na revista "Golfiño", ven de gañar por segunda vez o Certame de Imaxe Artística na modalidade de Banda Deseñada (categoría adultos).

David Rubín, debuxante ourensán coñecido pola serie "Os Kinkilláns" na revista "Golfiño", ven de gañar por segunda vez o Certame de Imaxe Artística na modalidade de Banda Deseñada (categoría adultos). Se coa historia "A sombra do xigante que me afoga" merecera o primeiro premio na edición de 2000, nesta ocasión é o relato gráfico "Antón ardendo" o que lle val os 1.200 euros do galardón.



Na mesma categoría A (de 23 a 30 anos) o segundo premio foi para Hugo Covelo co título "Dúas maletas de cartón…". Este autor vigués ten colaborado en diversos fanzines e o seu último traballo publicado é o apartado gráfico dunha historia na revista "Buen Provecho".



O terceiro premio da categoría de maiores gañouno Marcos García Rodríguez, de Santiago -quen gañara tamén o terceiro premio no último concurso de Cangas-, e o cuarto posto foi para o coruñés Manel Cráneo.



Na categoría B (de 19 a 22 euros) resultou vencedor Diego Blanco, autor ademais da portada da "Revista das Xornadas" na edición deste ano 2002 e que tamén fora premiado no concurso BD Banda / Concello de Pontevedra.



O premio convocado polas Direccións Xerais de Xuventude e Promoción Cultural da Xunta de Galicia, dentro da súa campaña «Xuventude 2002», está dotado con máis de 5.000 euros en premios, exposición e publicación das obras premiadas. Concorreron 36 mozos e mozas de toda Galicia.



Os premios outorgados nesta terceira edición foron:



Categoría A (de 23 a 30 anos)



Primeiro premio: David Rubín Miguélez (Ourense, 1977), pola súa BD «Antón ardendo», 1.200 euros



Segundo premio: Hugo Covelo Moreira (Vigo, 1976), pola obra «Dúas maletas de cartón…», 900 euros



Terceiro premio: Marcos García Rodríguez (Santiago de Compostela, 1977), por «Morteciña», 600 euros



Cuarto premio: Manuel Pena Villar (A Coruña, 1973), pola súa BD «Miña Lúa», 450 euros.



Categoría B (de 19 a 22 anos)



Primeiro premio: Diego Blanco López (Viveiro, Lugo, 1981), por unha obra sen título, 600 euros



Segundo premio: Alberto Vázquez Rico (Culleredo, A Coruña,1980), pola obra titulada «A revisión», 450 euros



Terceiro premio: David Roi Corral Naveira (A Coruña, 1983), por «Teatro de marionetas», 300 euros



Cuarto premio: deserto



Categoría C (de 14 a 18 anos)



Primeiro premio: María Rial Rodríguez (A Coruña, 1985), pola súa historieta «Mazás», 210 euros



Segundo premio: deserto



O xurado estivo formado por José Sotelo, presidente, con Miguel Anxo Carvallo, Benito Losada, Carlos Rafael, Julio Rodríguez Casal, Henrique Torreiro e Gloria Valeiras.



Os premios entregaranse o 4 de outubro, dentro da inauguración das XIV Xornadas de Banda Deseñada de Ourense, acto que presidirá a Conselleira de Familia, Promoción do Emprego, Muller e Xuventude na Casa da Xuventude de Ourense, onde permanecerán expostos ata o remate das Xornadas. A Dirección Xeral de Xuventude edita un catálogo que recolle as obras premiadas.