Escena Galega inicia etapa a duplicar as compañías asociadas

Belén Pichel preside a anovada directiva do colectivo de artes escénicas

Asemblea de elección da directiva de Escena Galega
Asemblea de elección da directiva de Escena Galega
Coa intención de "non só protestar, senón tamén traballar polo sector", se presentaba esta mañá en Compostela a nova etapa da plataforma Escena Galega. Esta asociación profesional incorporou dezasete novas compañías ás súas filas, co que duplicou o número de afiliados ata 34, e renovou a súa directiva, que pasa a estar presidida por Belén Pichel. Canda a ela foron elixidos o pasado trinta de xuño Mercedes Castro como vicepresidenta, Areta Bolado, secretaria, Tatán Cunha, tesoureiro e os vocais Artur Trillo, Xoque Carbajal e Xesús Ron. Na nova etapa, segundo adiantou Pichel, artelláronse diferentes comisións que abordarán as necesidades do sector en cuestións como os criterios para as subvencións da AGADIC ou o funcionamento das diferentes redes de espazos escénicos.

Entre os primeiros obxectivos da entidade está abordar o xeito no que se desenvolverá a feira de artes escénicas que organiza AGADIC e que se celebrará no vindeiro outono. "As dinámicas desde a administración están estancadas, non se están a buscar máis fórmulas do que deixar as morrer iniciativas como as redes", explicou Pichel. "A situación do Centro Dramático Galego e dramática e o Centro Coreográfico atópase nun abandono absoluto", completou.

As incorporacións das novas compañías outórganlle a Escena Galega "unha maior representatividade do sector" e recolle a variedade de problemáticas do mesmo, co que a entidade agarda constituírse en interlocutor fundamental coas administracións neste ámbito. A nova presidenta adiantou que teñen xa concertadas entrevistas con representantes da AGADIC e da Consellaría de Cultura e sinalou o seu interese en contactar coas novas deputacións.

Chévere, Voadora, Pisando Ovos, Il Maquinario Teatro, Redrum, Inversa Teatro, A Panadaría, Borja Fernández, Artesacía, Aporía escénica, Funboa Escénica, Bocaberta, Lamacana e Traspediante son as compañías que se acaban de incorporar a esta plataforma.