A ciencia forma parte da cultura. Aínda existindo consenso sobre esta pertenza, non sempre se fai visible, non sempre pensamos na ciencia galega como un dos compoñentes da cultura galega.
A palabra cultura evoca os poemas de Rosalía ou de Xela Arias, os cadros de Maruxa Mallo ou Luís Seoane, as novelas de Carlos Casares, a música popular, a arquitectura de Antonio Palacios. Estes e outros nomes son patrimonio cultural de Galicia. Porén, en Galicia contamos tamén cun magnífico patrimonio natural e científico que é talvez menos coñecido, menos valorado.
Exemplos do patrimonio natural son formacións xeolóxicas únicas como a fervenza do Xallas, as dunas de Corrubedo os Aguillóns de Cariño ou os canóns do Sil, fragas como a do Eume, dovesas como a de Rogueira, soutos e xunqueiras, plantas ventureiras como abruñeiros, sabugueiros, ou espiños. A atención á preservación deste patrimonio natural é desigual, algúns exemplos poden ser a diminución da fervenza do Xallas debido a dous encoros, ou o risco en que se encontran a praia de Augas Santas (máis coñecida como As Catedrais), e os seus delicados xistos e lousas. O coñecemento dos espazos naturais e do seu valor é unha condición indispensable para seren coidados. Para querer algo primeiro temos que coñecelo.
Ao noso patrimonio científico pertencen figuras históricas como o xeólogo Isidro Parga Pondal, o enxeñeiro agrónomo Cruz Gallástegui, fundador da Misión Biolóxica, a bióloga Ánxeles Alvariño, ou a matemática María Wonenburger. Ademais destas sobranceiras personalidades que teñen un espazo no Álbum da Ciencia neste portal, hoxe en día hai científicas e científicos galegos que están facendo avanzar os seus campos de coñecemento, persoas que divulgan este coñecemento eficazmente, mestras e mestres que levan a ciencia á aula, conseguindo que o seu alumnado participe nela. Pois a ciencia pasa a formar parte do patrimonio cultural cando é comunicada, sexa nas escolas, sexa nos medios e publicacións ou noutros contextos como museos, feiras da ciencia ou xornadas.
Velaquí o obxectivo que pretende este espazo para a ciencia no portal culturagalega.gal: achegar ao público a ciencia que se fai, se divulga, se ensina e se aprende en Galicia, así como a ciencia que fan galegos e galegas noutras partes do mundo. Dar a coñecer a nosa actividade científica no sentido máis amplo. Esperamos contribuír así ao aumento do interese pola ciencia, do agarimo por ela. Contribuír a que a ciencia sexa parte da cultura de vez.